O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe en Ferrol o “abandono e a falta de compromiso” do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa comarca de Ferrolterra, a quen acusou de “condenar a zona ao illamento sanitario e de transporte interurbano pola súa inacción e pola ausencia de investimentos reais”.
Besteiro fixo estas declaracións nun encontro cos medios de comunicación celebrado nos arredores do CHUF, o hospital de referencia da comarca, co obxectivo de visibilizar “a grave situación sanitaria que viven miles de veciños e veciñas”. A continuación, esta tarde, o PSdeG celebrará en Ferrol a reunión da súa Comisión Executiva Nacional, coa que inicia un proceso de descentralización que levará ao órgano de dirección socialista a percorrer distintas comarcas galegas. “Queremos achegar a dirección do partido ao territorio, coñecer de primeira man os problemas da xente e ofrecer respostas políticas adaptadas á realidade de cada zona”, explicou.
Rueda condena a Ferrolterra ao illamento
Durante a súa intervención, Besteiro advertiu de que a comarca de Ferrolterra está a sufrir unha situación “crítica e insostible” no ámbito dos servizos públicos, consecuencia directa da “falla de planificación e do abandono” por parte da Xunta de Galicia.
No eido sanitario, denunciou que o CHUF, hospital de referencia para máis de 190.000 persoas, acumula máis de dous anos de atraso nas obras de modernización, padece unha grave escaseza de persoal e presenta servizos totalmente colapsados, con tempos de espera que superan os seis meses en especialidades como traumatoloxía. Ademais, advertiu de que a atención primaria está desbordada, o que dificulta a entrada ao sistema e empeora a calidade asistencial.
A esta situación súmase, segundo explicou, un transporte interurbano insuficiente e ineficaz, marcado pola escaseza de frecuencias e a falta de regularidade, que dificulta os desprazamentos cotiáns e contribúe a un illamento crecente da comarca. “Rueda leva anos ignorando as necesidades reais de Ferrolterra. Non hai planificación, nin recursos, nin vontade política por parte do Goberno galego”, sinalou Besteiro.
O socialista fixo tamén referencia á situación doutros servizos públicos esenciais, como a educación —con centros que precisan reformas urxentes, entre eles o CEIP Isaac Peral—, ou a Atención Social, onde máis de 560 persoas seguen agardando pola Axuda no Fogar debido á falta de investimento autonómico.
Fronte a esta realidade, o secretario xeral do PSdeG puxo en valor o impulso investidor do Goberno de España e do Partido Socialista, que —subliñou— están a sentar as bases do desenvolvemento económico e social de Ferrolterra con proxectos estratéxicos chamados a transformar o seu tecido produtivo e mellorar a vida da cidadanía.
Entre eles, destacou o plan de fragatas, que garante carga de traballo nos estaleiros de Ferrol durante os próximos 15 anos e consolida o papel da cidade como referente naval a nivel estatal e europeo. Tamén salientou a aposta pola modernización industrial, materializada na creación da Fábrica de Brot e do Instituto de Xemelo Dixital, que situarán á comarca na vangarda da innovación tecnolóxica.
Posta en marcha do bypass de Betanzos
Neste mesmo camiño, Besteiro referiuse ás melloras na rede ferroviaria, coa posta en marcha do bypass de Betanzos que comprometeu o Goberno Socialista de Pedro Sánchez, e referiuse a necesidade dun deseño dunha liña máis ambiciosa para ás próximas dúas décadas. Tamén lembrou a proposta de gratuidade da AP-9, unha medida que sen dúbida mellorará a conectividade de Ferrolterra e facilitará a súa integración co resto do país.
Crítica aos comentarios frívolos do PP sobre Palestina
O líder socialista tamén falou da masiva manifestación celebrada onte en Santiago de Compostela en repulsa polo xenocidio en Gaza, cualificándoa de “mobilización limpa, lexítima e profundamente solidaria”.
“Foi unha mensaxe poderosa de esperanza para quen sofre a violencia e un aviso claro para quen a perpetra. Galicia dixo alto e claro que quere o fin da masacre e a apertura dun espazo de paz e seguridade para o pobo palestino”, afirmou. Neste sentido, lamentou a ausencia do Partido Popular na mobilización e criticou “os seus comentarios frívolos ante un drama humanitario desta magnitude”.