Bronca en Camariñas: O PP lamenta a “actitude ditatorial” do PSOE no debate sobre o futuro Museo

O Partido Popular de Camariñas lamenta a actitude do goberno local do PSOE, ao que acusa de ignorar á oposición e saltarse os procedementos habituais na xestión municipal.

As críticas prodúcense a raíz do pleno extraordinario celebrado este martes para abordar o proxecto do futuro Museo dos Naufraxios.

A portavoz popular, Paula Mouzo Mas, recriminou a falta de diálogo coa oposición e, o que é máis grave, que o goberno non celebrase a preceptiva comisión informativa. Esta omisión obrigou a votar a proposta por unha vía de urxencia dubidosa.

Abstención por falta de transparencia e planificación

O Grupo Municipal Popular sinala que esta forma de proceder non lles deu tempo suficiente para estudar o proxecto.

«Non fomos escoitados e non compartimos os métodos do PSOE de saltarse a comisión oportuna», afirma Mouzo Mas.

Ademais dos problemas de procedemento, o PP manifestou as súas dúbidas sobre a sustentabilidade do proxecto: «Tampouco nos quedou claro que haxa un plan de xestión nin de viabilidade do futuro museo».

Por todo iso, e «sen entrar no fondo da inversión», o Partido Popular optou por absterse na votación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios