O Campionato de Galicia de Gravel inaugurou o seu palmarés en Carballo

O elite Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) e a máster-40 Marina González (Illas Cíes) fixéronse coas vitorias absolutas.

Galicia conta dende este domingo cun novo Campionato de ciclismo. A emerxente modalidade do Gravel sumouse á nómina de citas nas que se compite polas coroas da Federación Ciclismo Galego. O palmarés desta nova gran proba do calendario autonómico estreouse outorgando dez títulos na localidade coruñesa de Carballo. 

O Club Ciclista Monteneme apostou por sacar adiante o primeiro Campionato de Galicia de Gravelincluíndoo no programa da Marcha Costa da Morte, un triplo evento que reuniu a tres centenares de ciclistas na Praza do Fórum,. Compartindo cartel coa última xornada da Copa Galicia de Cross Country Maratón e coa marcha cicloturista de BTT, a segunda edición do Gravel Costa da Morte ofreceu os elementos máis característicos desta especialidade cun fermoso itinerario por corredoiras, camiños e pistas. A proposta obtivo unha importante acollida e a inscrición pechouse con 128 participantes. 

O vixente campión de Galicia elite de fondo en estrada, o noiés Ángel Maneiro, foi o primeiro corredor que completou o percorrido de 54 quilómetros, no que se acumulaban 969 metros de desnivel positivo. O representante do Supermercados Froiz cruzou a liña de meta cun tempo de 1 hora 57 minutos e 37 segundos, batendo por 9” ao gañador máster-40 Alejandro Mesías (CiclosQuintena). A terceira praza absoluta asinouna o elite Juan Vidal (Lasal Cocinas – Grupo ODL – Craega), a máis de 2’ do primeiro clasificado, cuarto finalizou o máster-40 Diego Álvarez (Aerodynamics) e o top-5 pechouno o elite Javier Busto (Extol-Zambora.es).

As pugnas polos outros títulos masculinos tamén chegaron decididas ao treito final da carreira. Saúl Alcalde (Cambre-SiBuscasCoche) subiu ao máis do podio en Júnior; Antonio Casal (Cambre), en Sub-23; Samuel Baña (Xesteiras), en Máster-30; Roberto Fontán (Norinver), en Máster-50; e Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport), en Máster-60. 

A actual campioa autonómica máster-40 de ciclocrós marcou a pauta entre as mulleres. Marina González (Illas Cíes) logrou con autoridade o triunfo absoluto feminino. A verinesa afincada en Vigo, logo de 2 horas 33 minutos e 37 segundos de esforzo, avantaxou en case 3’ á vencedora elite Iria Nieto (Team Oiense Women) e en algo máis de 10’ á máster-40 Natalia Raña (Cycling Cabañas). A júnior Noa Rodríguez (Creto Bikes) concluíu cuarta, anotándose o título da súa categoría, e a elite Mónica Alarcón (Máster da Louriña) ocupou a quinta posición. 

Os premios encargáronse de entregalos Juan Manuel Seoane Collazo, concelleiro delegado de Planificación Urbana, Policía e Mobilidade xunto ao presidente do Club Ciclista Monteneme, Víctor Gende, e o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz. O primeiro Campionato de Galicia de Gravel baixou o pano coa sensación de que este evento chegou para quedarse. 

Copa Galicia XCM

Un cuarto de hora antes de arrancar a proba de Gravel, deuse a saída á XXI Marcha Costa da Morte, terceira e última xornada da Copa Galicia de Cross Country Maratón (XCM). Esta cita, na que tamén se repartían puntos para o Ranking estatal, presentou unha distancia de 70 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 1.731 metros. 

Gañador en xuño do Xurés Bike Tour, a cita que abriu o certame autonómico desta especialidade, o catoirán Daniel García reencontrouse coa vitoria na Costa da Morte. O portador da camisola de líder elite tiña o triunfo na xeral garantido antes de esprintar nos últimos metros co seu acompañante Saúl López (Academia Postal-Maceda). Segundo nunha situación similar o domingo anterior no man a man con Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) en Piñor, o elite monfortino volveu quedar co mel nos beizos e esta vez non puido coa punta de velocidade do corredor do Xesteiras, vencedor absoluto cun tempo de 2 horas 50 minutos e 40 segundos. 

A 2′ do dúo de cabeza terminou terceiro o líder sub-23 Iago Carou (Máster da Louriña) e, 7′ máis tarde, a cuarta praza do máster-40 Uxío Canosa (Extol-Zambora.es) permitiulle asaltar o primeiro pasto da xeral do seu grupo de idade. Outro máster-40, Carlos Alberto Pérez (3AG), adxudicouse a quinta posición absoluta. No resto de categorías masculinas impuxéronse o júnior Santiago Otero (XSM), o máster-30 Julio Cabado (Friol) e o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal).

A clasificación elite feminina da Copa Galicia de BTT Maratón amosaba un empate a puntos no máis alto antes da Marcha Costa da Morte. Esa igualdade rachouse a prol de Raquel Román. A viguesa do Bici Verde acumulou unha ampla vantaxe respecto a Mar Delgado (Monteneme), a representante do equipo anfitrión que na véspera se colgara a medalla de bronce no Campionato de España de Ultramaratón en Navaluenga (Ávila). A gañadora, cunha marca de 3:38:43, distanciouse en media hora da súa perseguidora e adversaria polo título. A meta da Praza do Fórum tamén a alcanzaron a máster-40 Sofía da Silva (Extol-Zambora.es), a máster-30 Carolina Díez (Creto Bikes) e a júnior Nerea Suárez (Carballo), terceira, cuarta e quinta na táboa absoluta, respectivamente. 

Cos puntos repartidos nas tres xornadas do certame de XCM, a nómina de líderes finais quedou composta Nerea Suárez e Santiago Otero en Júnior, Iago Carou en Sub-23, Raquel Román e Daniel García en Elite, Carolina Díez e Julio Cabado en Máster-30, Sofía da Silva e Uxío Canosa en Máster-40, Mónica Campagna e Antonio Rodríguez en Máster-50. En canto ao grupo de idade Máster-60, José Ramón López (Cambre) e Carlos Gómez (Ourense Termal) empataron no primeiro posto. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios