A Deputación de Ourense pon en marcha unha campaña de sensibilización para fomentar a recollida de materia orgánica entre os grandes produtores da provincia, é dicir, empresas e negocios de alimentación, hostalaría e restauración.
A iniciativa busca fortalecer a colaboración dos 72 negocios que xa dispoñen do contedor marrón e atraer a novos establecementos, ata alcanzar un total de 100 participantes nesta campaña de fomento da xestión separada dos biorresiduos.
Na actualidade, a Deputación de Ourense ofrece este servizo a 14 concellos da provincia de Ourense que superan os 2.000 habitantes e que tamén teñen delegado o servizo de recollida de lixo na institución provincial.
A campaña ten dúas liñas de acción. Por unha parte vanse visitar ás empresas e negocios que xa contan coa recollida selectiva de materia orgánica, co fin de reforzar o seu compromiso. En segundo lugar visitarase a grandes produtores como potenciais novos usuarios, co obxectivo de promover a súa adhesión. Estímase que se contactará cun centenar de produtores, cunha frecuencia de dúas visitas por ano.
O obxectivo final é incrementar significativamente o volume de materia orgánica recollida e contribuír a unha xestión de residuos máis eficiente e sostible na provincia de Ourense.
Este plan de acción subliña o compromiso da Deputación de Ourense cos obxectivos de desenvolvemento sostible e a xestión avanzada de residuos, esperándose que estas medidas non só incrementen os volumes de recollida, senón que tamén reforcen a conciencia ambiental dos grandes produtores, como actores clave na economía circular da provincia.
Esta iniciativa está financiada con Fondos Next Generation, a través do Ministerio de Transición Ecolóxica, e a Xunta de Galicia.