Atopado un oficio da Bandera de Marruecos que corrobora as teses do Comité sobre a cruz dos caídos de Celanova

A comunicación do capitán da unidade militar ao director da prisión o 9 de agosto de 1939 é o primeiro documento oficial do incipiente Estado fascista que dá razón das datas e dos promotores do símbolo do Outeiro da Obra

Case tres anos despois de que o Informe Nº1 do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova documentase a data (8 de agosto de 1939), os promotores (a Bandera de Falange de Marruecos, de gornición na vila aquel verán) e o carácter de simboloxía fascista (e, polo tanto, afectado pola lei de memoria histórica en vigor no 2021, e tamén pola actual lei de 2022) do monumento da cruz dos caídos no Outeiro da Obra, en Celanova, aparece agora o primeiro documento oficial dunha institución do incipiente Estado fascista que confirma as teses do Comité e ofrece máis luz sobre o símbolo en disputa, que as autoridades municipais e estatais se resisten aínda a retirar en cumprimento da súa propia lexislación.

O documento é un oficio que o Capitán Xefe Accidental da Bandera de Falange de Marruecos envía, con membrete e selo da unidade militar, ao Director da Prisión Central de Celanova, o día 9 de agosto de 1939 solicitando, sen explicitalo, beneficios penitenciarios para o preso Lucio Nestal Fernández, recluído nesta cadea desde o ano anterior condenado a 15 anos por «auxilio á rebelión» nun Consello de Guerra en Oviedo.

O oficio, que apareceu no expediente carcerario de Lucio Nestal, di: «Me congratulo en participartle mi satisfacción por los trabajos efectuados por el recluso Lucio Nestal Fernández, en la colocación de ‘La Cruz a los Caídos’. Lo que hago presente a los efectos que estime más convenientes. Dios salve a España y guarde a Vd. muchos años», e está asinado en Celanova o 9 de agosto de 1939, «Año de la Victoria».

Cinco días máis tarde, o 14, o director da prisión, Vicente Fontúrbel, da traslado do documento ao Jefe S.N. Prisiones (Servicio Nacional de Prisiones) en Madrid e anota o seguinte no Libro de rexistro de saída de correspondencia da prisión: «Dando traslado oficio n.º 7.780 del 9 actual del Capitán Jefe Acctal. Bandera de Marruecos participando su satisfacción por los trabajos realizados por el recluso Lucio Nestal Fernández en la colocación de ‘La Cruz de los Caídos».

Tanto o expediente carcerario de Lucio Nestal como o Libro de rexistro de saída de correspondencia son públicos e pódese acceder a eles no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

LUCIO NESTAL

De Lucio Nestal Fernández, o preso que a Bandera de Marruecos recomenda ao director da cadea, sabemos polo expediente carcerario que foi condeado por un tribunal militar dos sublevados en Oviedo a 15 anos de prisión por «auxilio á rebelión», con data da sentencia o 7 de xaneiro de 1938 dentro do sumario 1.797. Fora detido o 16 de novembro de 1937 trala caída de Xixón. Despois da condena, ingresou na Prisión Central de Celanova o 2 de febreiro dese mesmo ano, un par de meses antes de cumprir os 27 anos. Figuraba como albanel de profesión, natural de Oviedo e veciño de Mieres.

Segundo investigacións académicas, Lucio Nestal pertenceu á Casa do Pobo de Mieres. En abril de 1932 aparece como un dos membros («por el ramo de la construcción») do comité para a compra de libros, e en outubro dese mesmo ano, como presidente do Grupo Esperantista da entidade, grupo que se compromete a «trabajar en esta lengua internacional, que en el ánimo de todos está la importancia que tiene».

Na prisión de Celanova, e con posterioridade ao episodio da colocación da Cruz dos Caídos, Lucio Nestal e outro albanel asturiano, Leopoldo Alea, foron requeridos para trasladarse á prisión de Lugo. A petición é do 2 de novembro de 1939, mais o día 10 a orde quedou anulada despois de que o director da prisión de Celanova se dirixise ao Arquitecto del Servicio Nacional de Prisiones, en Madrid, advertindo de que os «reclusos albañiles (…) son los más competentes, y sin cuyo concurso difícilmente podremos terminar obras próximas a finalizar».

En agosto de 1940, o director da prisión de Celanova informou ao xefe de servizo da lista de vintesete reclusos que serán postos en liberdade, entre eles, Lucio Nestal, que regresaría a Mieres e, en marzo do 41, solicitaría permiso para trasladarse a Ponferrada «por motivos de traballo». Catro anos despois, en marzo de 1945 recibíu a licencia definitiva.

TRABALLOS FORZADOS

A participación de presos na colocación do monumento e tamén no acondicionamento dos camiños de acceso e do propio espazo no Outeiro da Obra que este Comité está a documentar poñen en evidencia a utilización polo Exército sublevado e o incipiente Réxime fascista de traballo forzado neste lugar.

Ao respecto, o artigo 32 da actual lei de memoria democrática di no seu apartado 1: «La Administración General del Estado impulsará actuaciones para el reconocimiento y reparación a las víctimas que realizaron trabajos forzados, como la señalización de los lugares directamente relacionados con los trabajos forzados, de forma que se permitan su identificación y el recuerdo de lo sucedido, así como impulsar iniciativas por parte de las organizaciones o empresas respecto de las que se constate, a través de la realización de un censo, que utilizaron los trabajos forzados en su beneficio para que adopten medidas en ese sentido».

RETIRADA XA!

Máis unha vez, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova trasladará a información actualizada ao Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática a través da Subdelegación do Goberno, e ao Concello de Celanova a través dos grupos da corporación para que se activen as medidas necesarias para o cumprimento da lei e se proceda, como noutros casos, amparados xa pola xurisprudencia do Tribunal Supremo, á retirada inmediata pois todos os elementos precisos para aplicar a lei están presentes neste caso e non é necesario, nin así o indica a lei, ningún outro trámite.

Comparte éste artículo
No hay comentarios