O BNG rexeita o acordo entre a UE e Marrocos e insta a negociar co Frente Polisario sobre os recursos naturais do Sáhara

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou o rexeitamento do Bloque ao novo acordo entre a Unión Europea e Marrocos para estender o trato arancelario preferencial ao Sáhara Occidental. “A Unión Europea ten que respectar a sentenza emitida polo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) o ano pasado, que anulou os acordos comerciais entre a UE e Marrocos en materia de pesca e de produtos agrícolas xa que o pobo saharauí non deu o seu consentimento”, subliña.

Segundo salienta a eurodeputada galega, ese novo acordo, que aínda ten que ser debatido no Consello da UE e no Parlamento Europeo, sitúase fóra da legalidade ao non seguir as consideracións que expresou o propio TXUE sobre as negociacións comerciais. “O TXUE ditaminou claramente que os acordos teñen que ser negociados cos lexítimos donos das augas do Sáhara Occidental, é dicir, o Pobo Saharauí”, salienta Ana Miranda nun encontro celebrado con representantes do Frente Polisario que se trasladaron a Estrasburgo e diferentes eurodeputadas e eurodeputados de distintos grupo políticos.

Ana Miranda lembra ademais que a sentenza do TXUE de 2024 estableceu que o Frente Polisario é o representante lexítimo do Pobo Saharauí. “Resulta imprescindible cumprir a legalidade internacional”, salienta Ana Miranda ao respecto, quen considera “inadmisible” que a Unión Europea se sitúa fóra desa legalidade e só teña en conta os intereses de Marrocos. “Desde o BNG consideramos que ten que haber acordos, pero co Frente Polisario”, manifesta,

Protexer os dereitos soberanos

Precisamente nesa sentenza o TXUE confirmou que o consentimento do pobo saharauí é a única condición para dar validez a calquera acordo relativo ao Sáhara Occidental e recoñeceu o dereito do Frente Polisario a emprender acciones legais  ante os tribunais da UE en virtude do dereito internacional para protexer os dereitos soberanos do pobo saharauí sobre o seu territorio e os seus recursos naturais. Xa en 2016, o TXUE ditaminou que o Sáhara Occidental é un territorio distinto do Reino de Marrocos e que calquera acordo que se aplique alí require o consentimento do pobo saharauí.

Segundo a Comisión Europea, este novo acordo estabelece que as probas de orixe e o etiquetado dos produtos indicarán a rexión de produción e garante que se concederán vantaxes aos beneficiarios interesados dese territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios