O pleno de setembro do Concello de Pol deixou en evidencia “a crítica” situación económica que vive o Concello, derivada “do empeño de Lino Rodríguez en levar á institución á bancarrota”.
A voceira popular, Nicole Grueira, amosouse moi preocupada pola situación do Concello que, segundo os datos da Conta Xeral de 2024, ten unha débeda acumulada por cada habitante de 3.203,59€.
Para a voceira popular en Pol “a situación é moi preocupante” xa que a realidade que vive o Concello é que “de non ser por outras administracións que envían recursos económicos á institución, Lino Rodríguez non podería facer fronte nin aos gastos correntes de cada mes”.
Neste senso, Nicole Grueira recorda como en setembro os traballadores municipais tiveron que agardar ata o día 12 para poder cobrar as nóminas, o que evidencia que “se os propios traballadores non cobran as nóminas en tempo e forma, as empresas e autónomos que prestan servizos para o Concello tardan moito máis” chegando o período medio de pago ata os 82,68 días.
A realidade do Concello de Pol é “dun importante problema de financiación o que limita a autonomía do Concello, xa que se volveu dependente doutras administracións para poder realizar calquera tipo de investimento ao carecer de financiamento”.
Nicole Grueira sentencia a xestión económica de Lino Rodríguez (sempre amparada nos datos oficiais da Conta Xeral de 2024) argumentando que “ningunha economía doméstica pode sobrevivir cando, mes tras mes, os gastos superan aos ingresos, e esa é a realidade de Pol, polo que esiximos ao alcalde que deixe de destinar fondos e recursos aos seus caprichos e os empregue no básico: en pagar aos traballadores, en pagar as facturas e dar uns bos servizos municipais aos veciños”.
LINO RODRÍGUEZ DI QUE QUERE PECHAR O PAI
Nicole Grueira tamén amosou o seu pesar polo anuncio do alcalde de que a súa intención “é pechar o PAI” a pesar de que “é un servizo fundamental para a veciñanza de Pol”: “O peor de todo é que tras realizar esa afirmación, Lino Rodríguez anunciou un partido de fútbol como un gran logro”.
A voceira popular en Pol tamén amosou o seu malestar “polas constantes faltas de respecto de Lino Rodríguez” que lle dixo literalmente á Nicole Grueira: “Como vas entender de fútbol se non te sabes mirar a un espello”