A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello celebra unha homenaxe a Rosalía de Castro en colaboración coa Universidade de Hamburgo 

O acto pretende difundir a obra da poeta galega entre a comunidade académica e o público da cidade, coa fin de espertar o interese pola lingua galega en Alemaña

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello celebrará hoxe xoves 9 de outubro en colaboración coa Universidade de Hamburgo e do Centro de Estudos Galegos de Kiel unha homenaxe á poeta galega Rosalía de Castro, que terá lugar no espazo cultural Cantina Fux&Ganz da cidade hanseática.

O acto, que será presentado polo profesor de Románicas da Universidade de Hamburgo Dr. Markus Schäffauer, consistirá na presentación da súa biografía, a cargo do historiador Tomé Laxe, a súa reivindicación como poeta nacional por parte da emigración galega de finais do século XIX e principios do XX, que relatará o representante do Centro de Estudos Galegos de Kiel, Facundo Reyna, e a interpretación literaria de tres dos seus poemas, que abordará a filóloga Carolina Silva. 

Estes tres poemas, Cantart’e ei GaliciaAdiós ríos adiós fontes e Negra Sombra, serán tamén interpretados pola mezzosoprano Pavla Milĉáková, que os cantará no evento acompañada polo pianista Carlos Montoya. O acto cultural rematará cun recital da obra de Rosalía a micro aberto, no que se convidará a participar ao público asistente.


A continuación celebrarase unha foliada coa presenza de integrantes da agrupación cultural „De Berlín son“, entre outros visitantes que tamén se achegarán ata Hamburgo para este evento desde outros lugares de Alemaña. A noite rematará coa preparación dunha queimada.

O cometido desta homenaxe é dar a coñecer a obra de Rosalía entre a comunidade hispano- e lusofalante de Hamburgo e toda persoa residente en Alemaña interesada en coñecer as diferentes culturas ibéricas. Para tal fin, convidouse aos Consulados de España e Portugal, así como aos directores do Instituto Cervantes e Camões, entre outras entidades culturais da cidade. 

Esta homenaxe forma parte do calendario de actividades da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, destinada a fomentar o uso do galego. Esta asociación considera que a obra de Rosalía de Castro, en virtude da súa alta calidade literaria, pode abrirlle portas ao noso idioma como lingua de estudo fora das nosas fronteiras. 

No evento exporanse exemplares de libros de Rosalía en galego, aportados pola editorial Galaxia, pero tamén en castellano e alemán, coa fin de dar a coñecer a obra impresa da autora nestas tres linguas. 

O acto está financiado pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello e por Francisco Nogueiras, empresario galego residente en Suiza que, como acontece noutros moitos actos culturais celebrados na emigración, apoia o evento cunha aportación económica.

Comparte éste artículo
No hay comentarios