A deputada de Emprego visita en Coirós “La Pradera Online”, empresa recoñecida nos premios PEL 2025 pola súa traxectoria empresarial

A deputada de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou hoxe en Coirós a sede de “La Pradera Online”, empresa gañadora dun dos accésits dos Premios PEL 2025 á Traxectoria Empresarial.

Especializada en alimentación e benestar para pequenas mascotas como coellos e roedores, “La Pradera Online” é unha tenda dixital que conta con máis de 32.000 usuarios rexistrados e realiza arredor de 2.500 envíos mensuais a España e Portugal. A súa aposta polo desenvolvemento dun novo nicho dentro do sector agroalimentario galego baséase no cultivo de henos específicos para mascotas, unha actividade que combina innovación, sustentabilidade e vinculación co territorio.

Rosa Ana García puxo en valor a capacidade da empresa para identificar e cubrir un segmento de mercado pouco explorado, así como a súa vocación de expansión e internacionalización. “Esta iniciativa destaca pola súa capacidade de adaptación e pola conexión directa co ámbito agrario e cos produtores locais, que desde a Deputación da Coruña tentamos apoiar constantemente como parte fundamental do noso tecido produtivo e social”, sinalou a deputada.

A representante provincial tamén destacou o labor de visibilización que supoñen os Premios PEL: “O obxectivo final desta convocatoria é recoñecer e dar visibilidade a iniciativas económicas innovadoras como esta, que contribúen de xeito directo á creación e mantemento de emprego, así como ao aproveitamento sostible dos recursos locais”.

A deputada animou ao equipo de “La Pradera Online”, dirixido por Noelia García Cacheiro, a continuar medrando sen perder a conexión coa terra e reiterou o compromiso da Deputación da Coruña co apoio ao tecido empresarial da provincia: “A través das liñas de axuda PEL buscamos impulsar investimentos, fomentar o emprego estable e mellorar a competitividade das nosas empresas”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios