ADEGA e o Concello de Santiago completan con éxito as actividades de “Compostela composta” no CEIP de Roxos

A asociación ecoloxista ADEGA puxo este xoves o broche final ao ciclo de actividades do programa «Compostela Composta» no CEIP de Roxos, ao que tamén acudiu o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, para dar resposta a algunhas das dúbidas sobre compostaxe que xurdiron entre a rapazada de sexto de primaria.

Acompañado pola educadora ambiental de ADEGA, Itziar Díaz, o alumnado puido participar na reactivación do seu composteiro e facer unha visita guiada pola exposición informativa sobre compostaxe e residuos que ADEGA colocou no centro. Ao tempo, a rapazada consultou ao concelleiro varias dúbidas como o número de composteiros que existen nos centros educativos composteláns, se o compostado se emprega en parques e xardíns da cidade, ou o tipo de axudas e facilidades que ofrece o concello a veciñanza e comunidade educativa para incrementar a cantidade de restos compostados. 

O CEIP de Roxos é un dos varios centros de ensino composteláns que participan nesta iniciativa, xunto co IES de Sar, IES Xelmírez I, IES Xelmírez II, CEIP de Vite ou CEIP de Xixirei, nos que as actividades de educación ambiental continuarán nos vindeiros meses.

Proxecto Compostela composta

Todas elas desenvólvense no marco do proxecto «Compostela Composta», artellado en colaboración co Concello de Santiago. O seu obxectivo no ámbito educativo é transmitir ás crianzas e ao profesorado os valores e as competencias que lles permitan abordar a xestión sostible dos residuos ao longo do curso escolar, a través de diferentes actividades de divulgación ambiental: proxecto de investigación sobre os residuos no centro, instalación da mostra expositiva, construción dun composteiro educativo…

Fóra dos centros, ADEGA tamén acometeu a posta en marcha e a formación das persoas usuarias da illa de compostaxe no CIFP de Compostela, que chegou a tratar en seis meses 5 toneladas de biorresiduos; e está impartindo charlas entre a veciñanza para solventar posibles trabas no proceso de compostaxe. 

Calquera centro educativo do concello está a tempo de sumarse ao programa «Compostela Composta». Para iso, pode contactar con ADEGA a través do correo electrónico compostaxe@adega.gal.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios