A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo desde A Coruña que a Xunta poña en marcha un programa de compra pública de vivenda para poñela a disposición da cidadanía en réxime de alugueiro a prezos accesibles.
Logo dun encontro con veciños e veciñas da Coruña para abordar as dificultades de acceso á vivenda, Pontón explicou que o obxectivo do programa é crear un parque público de 4.000 vivendas en cinco anos para poñer a disposición “da clase traballadora, dos mozos e mozas e das rendas baixas” vivenda en alugueiro “a prezos que a xente poida pagar”.
A líder nacionalista afondou nas vantaxes que ten a adquisición sobre a construción de nova vivenda e que pasan, en primeiro lugar, porque é unha alternativa moito máis rápida para dar resposta a un problema que precisa solucións áxiles, tendo en conta que na nova construción os procesos son moito máis lentos.
En segundo lugar, subliñou que esta fórmula é moito máis sustentable e ecolóxica, xa que aproveita o parque de vivenda que xa está construído e, por último, alegou que a alternativa da compra é moito máis integradora e solidaria, xa que garante que a vivenda pública vai estar por toda a cidade e non reducida a determinadas zonas, o que, ás veces, acaba tamén provocando problemas de exclusión.
Pontón incidiu en que a medida proposta polo BNG permitirá dar un gran paso adiante para, non só mobilizar vivenda baleira, cifrada en 90.000 inmobles só nas grandes cidades, senón sobre todo para garantir a creación dun parque de vivenda en alugueiro a prezos asumibles para a cidadanía.
Neste sentido, avogou por que a Xunta exerza o dereito que ten de tanteo e retracto sobre a vivenda pública que se vai vender e ampliar ese dereito a máis ámbitos, polo que defendeu a declaración de zonas onde a Administración galega poida exercer este dereito de compra preferente cando se vaian a producir vendas de inmobles. Con este obxectivo, propuxo a creación dunha comisión técnica que permita levar adiante todo este proceso.
“Isto vainos permitir que Galiza incremente a vivenda pública en alugueiro porque agora estamos moi lonxe da media europea e sabemos que esa é a única alternativa que teñen miles de persoas”, remarcou.
Plan Estatal de Vivenda
Por iso, emprazou ao Goberno de Alfonso Rueda a aproveitar a oportunidade que vai abrir o novo Plan Estatal de Vivenda, xa que inclúe unha liña específica para a compra pública de vivenda que supón un financiamento extraordinario que Galiza nin debe, nin pode perder, co obxectivo posto na mobilización de 4.000 vivendas para poñelas en alugueiro que defende o BNG.
A portavoz nacional contrapuxo as propostas reais do Bloque á “propaganda” dun Executivo do PP que, tras 16 anos de políticas fracasadas, o único que ofrece en materia de vivenda son promesas que constitúen “un bluf tras bluf”.
Nesta liña, recordou que unha das medidas estrela presentadas polo Goberno de Rueda foi a posta a disposición de solo para construír vivenda pública, cando a realidade é que nos últimos seis anos só presupostou para solo de vivenda pública 45 millóns de euros, dos que non executou nin a metade.
“Estamos falando de que non foi capaz de executar nin tres millóns de euros cada ano”, subliñou, para criticar a incapacidade dun Executivo que dificulta a construción de vivenda pública, a única alternativa que poden ter moitas persoas para acceder a unha vivenda a un prezo razoable.
Pontón recordou que o acceso á vivenda é un dereito fundamental que, nestes momentos, resulta “misión imposible” para miles de galegos e de galegas a consecuencia duns últimos anos nos que “se permitiu un auténtico descontrol e especulación en torno á vivenda”.
Algo que non sucede por casualidade, alegou, senón que ten responsables políticos. “Levamos máis de 16 anos cun Goberno do Partido Popular que dinamitou a política social de vivenda, que non actúa para conter os prezos do alugueiro senón que, ao contrario, está poñendo paus nas rodas e boicoteando medias que poderían ser efectivas para limitar esa suba tan importante dos prezos do alugueiro”, afondou.
Fronte a incapacidade de Rueda, a líder nacionalista defendeu as propostas postas enriba da mesa polo BNG xa que, alegou, “a xente non pode esperar 10, 15 ou 20 anos a que se constrúan novas vivendas, que é o que vén tardando o desenvolvemento de solos e a construción de nova vivenda”. “Polo tanto, o que se necesitan son medidas áxiles e eficaces como as que estamos propoñendo desde o BNG”, concluíu.