Silvia Longueira acusa a Xunta de levar Galicia á “emerxencia social” por colapsar a dependencia

A portavoz de Política Social do PSdeG, Silvia Longueira, advertiu esta mañá no Parlamento de Galicia que o sistema de atención á dependencia «está ao límite» e que a Xunta «non pode seguir mirando cara outro lado mentres milleiros de galegos agardan unha axuda que nunca chega».

Longueira acusou á Xunta de situar a Galicia na cola da dependencia por «falta de vontade política», e non por falta de recursos. «Nunca houbo tantos recursos e nunca se fixo tan pouco», afirmou, lembrando que o Goberno de España destinou máis de 1.600 millóns de euros entre 2021 e 2023, «mentres a Xunta recortaba fondos e desviaba cartos a bonos propagandísticos».

349 días de espera e «emerxencia social» no horizonte

A deputada socialista denunciou que Galicia se sitúa entre as comunidades con peor xestión, cunha media de 349 días de espera para que unha persoa reciba unha resolución, «case un ano, o dobre do que marca a lei».

«Nese tempo, hai xente que morre sen recibir o que lle corresponde, familias que desesperan e traballadoras que seguen en condicións inxustas», lamentou.

Ademais, Longueira alertou de que a situación actual «é só o principio dun colapso maior». Galicia conta xa con 719.000 persoas maiores de 65 anos (case o 27 % da poboación) e a Xunta carece dun plan realista para afrontar o envellecemento.

«Sen un plan serio, dentro dunha década, a demanda de coidados vai dispararse. Se hoxe xa temos 349 días de espera, imaxinen o que virá mañá. A dependencia pode converterse nunha emerxencia social«, advertiu.

O colapso chega aos concellos

A portavoz ilustrou o colapso coa situación nos municipios. «O Concello da Coruña ten máis de 800 persoas en lista de espera e o de Vigo rolda o milleiro de solicitudes sen resolver», explicou.

Estes datos son especialmente graves porque se producen en «dúas cidades con servizos sociais potentes e comprometidos, que malia todo non dan feito porque a Xunta non cumpre coa súa parte. Se isto ocorre en Vigo e na Coruña, imaxinen o que pasa nos concellos pequenos, sen recursos nin persoal suficiente”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios