Xurxo Rodríguez, voceiro municipal dos nacionalistas, cre que “son necesarias máis medidas e non só solucións con parche”, e afirma que “hai estudantes de Camelle que aínda terán que desprazarse para coller o autobús que irá de Camariñas a Vimianzo; son alumnos e alumnas que tamén merecen respecto e o mesmo servizo”.
O BNG de Camariñas vén de parabenizarse de que sexan atendidas as súas reclamacións para que o alumnado de Bacharelato de Camariñas dispoña dun transporte público axeitado para desprazarse a estudar ata o IES Terra de Soneira de Vimianzo, mais lamentou que o goberno galego non teña tomado medidas con anterioridade. Os nacionalistas subliñaron que, a pesar das demandas das familias, o curso pasado os rapaces e rapazas de Camariñas tiveron que sufrir as consecuencias de non ter dispoñible unha liña de autobús ata o instituto vimiancés.
A formación nacionalista sinalou que levan tempo reclamando á Xunta de Galiza unha solución para esta problemática, e lembrou que teñen impulsado múltiples iniciativas e propostasnese senso, incluso no Parlamento galego da man do deputado Oscar Insua.
Desde o BNG cren que son necesarias máis medidas, e non só solucións de parche, e consideran que quedan temas sen resolver. “Hai estudantes de Camelle que seguirán tendo problemas, e aínda terán que desprazarse para coller o autobús que irá de Camariñas a Vimianzo; son alumnos e alumnas que tamén merecen respecto e o mesmo servizo”, afirmou o voceiro municipal dos nacionalistas en Camariñas, Xurxo Rodríguez.
“Os parches poden aliviar un problema, mais a cuestión do transporte publico require de reformas de calado. Necesitamos que existan liñas de autobuses que conecten Camariñas directamente con A Coruña e Santiago de Compostela”, recalcou o portavoz do BNG, que avanzou que seguirán insistindo “ata que a Xunta atenda as nosas demandas eteñamos un servizo de transporte público digno”.