O Concello habilitou esta semana a glorieta, que entra na súa fase final de obras, con remates de pintado e xardinería.
Esta semana, o Concello abriu ao tráfico a nova rotonda concibida para mellorar a mobilidade entre a avenida de Fisterra e a rúa Gutemberg, que permitirá reforzar a seguridade viaria nun percorrido clave para o tránsito rodado entre A Silva, o Ventorrillo e o parque industrial de Agrela.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apunta que os traballos de construción da glorieta «están xa na súa fase final», só a expensas de remates correspondentes a tarefas de pintado e o sementado nas áreas verdes, unha actuación -esta última- que se acometerá nas vindeiras semanas, ao ser o período máis propicio.
«Ao igual que xa fixemos na avenida da Sardiñeira, a medida que se van cumprindo fases de obra tamén intentamos facilitar o paso de vehículos, para axilizar o tráfico», razoou Díaz, que subliñou a necesidade de actuar nesta parte da avenida de Fisterra atendendo aos precedentes existentes no tocante a sinistros viarios.
Unha rotonda xemelga da xa habilitada no cruzamento coa rúa Gambrinus
A nova glorieta entre avenida de Fisterra e rúa Gutemberg é practicamente idéntica á que xa se habilitou meses atrás no cruzamento coa rúa Gambrinus.
Ambas as dúas foron cofinanciadas polo Concello grazas á captación de fondos europeos Next Generation, cun investimento total de case 650.000 euros que permitiu, ademais de construír as rotondas en si, remodelar os cruzamentos da súa contorna e mellorar a accesibilidade, tanto nas beirarrúas como nos pasos peonís próximos.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza coa súa folla de ruta para mellorar a mobilidade no triángulo que conforman A Silva, O Ventorrillo e Agrela, onde a avenida de Fisterra é unha das principais arterias de circulación.