Elena Espinosa: “As rebaixas fiscais de Rueda son un insulto ás galegas e galegos que desesperan por ter servizos públicos dignos”

A deputada socialista alerta de que cada rebaixa fiscal do Partido Popular é un recorte encuberto aos dereitos da maioría social.

A deputada socialista Elena Espinosa advertiu que o anuncio de onte do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, sobre novas rebaixas fiscais nos próximos orzamentos da Xunta confirma unha vez máis que o Goberno de Alfonso Rueda prioriza aos que máis teñen.

“Rebaixas a quen? A quen máis ten, como veñen facendo nos últimos anos?”, sinalou Espinosa, quen lamentou que o Executivo galego “baixe impostos aos máis ricos mentres se disparan as listas de espera en sanidade e dependencia, mentres faltan profesores de apoio nos centros educativos, mentres seguen sen cubrirse as prazas de bombeiros forestais e mentres se obriga aos concellos a asumir competencias impropias sen financiamento”.

A deputada socialista lembrou que baixar impostos significa ter menos recursos para quen máis os necesita, o que implica “recortar en dereitos e en igualdade de oportunidades”.

Nesta liña, acusou ao Goberno de Rueda de falar de estabilidade económica mentres abandona os servizos públicos e ás persoas máis vulnerables: “Cada euro que deixan de ingresar para favorecer aos máis acomodados é un euro menos para garantir atención médica, dependencia, educación ou servizos municipais. Esa é a súa prioridade: o beneficio duns poucos fronte ao benestar da maioría”, sinalou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios