A Fundación Luís Tilve presenta en Santiago unha exposición dirixida ós máis mozos que recolle a historia das organizacións obreiras en Galicia dende a súa aparición ata a Ditadura.
O vindeiro luns día 27 de xaneiro, ás 11:30 horas, no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) de Santiago de Compostela, a Fundación Luís Tilve presentará a exposición “Movemento
obreiro en Galicia. Trazos da historia socialista”, que percorre a historia dunha nova clase social, o proletariado, xurdida da revolución industrial, e que ó longo do século XIX foi tomando conciencia da súa
precaria situación e da necesidade de organizarse para defender e conquistar dereitos; e o fai a través da crónica dos principais feitos, biografías, xornais, organizacións, documentos, etc. da primeira corrente en
constituírse oficialmente en España, a socialista.
Con esta exposición, que contou coa colaboración da Deputación de A Coruña, e que se poderá visitar ata o día 24 de febreiro, preténdese achegar ó público en xeral e ós mozos en particular, a historia de como se desenvolveu este movemento obreiro en Galicia dende finais do século XIX ata que a Ditadura freou estes avances sociais e democráticos.
A mostra, que consta de 20 paneis, está comisionada pola doutora en historia, Rocío Botana Iglesias, e está dirixida principalmente ós docentes e estudantes da ESO e de Bacharelato, que contarán ademais con 4 unidades didácticas, unha delas en inglés, e un vídeo ós que poderán acceder a través dun enlace QR dirixido á páxina Web da exposición. Para a elaboración de estes materiais, se contou cun equipo de traballo no que, ademais de Botana, participaron os historiadores Guillerme Pérez Agulla e Javier Quintas Ferreño, a profesora e especialista en pedagoxía Alba Botana Iglesias, a doutora e profesora de Lingua e literatura galega Natividad Paramá Ferreiro, o Doutor e profesor técnico de FP José Antonio Cascudo Rodríguez, e a
profesora de lingua estranxeira Raquel Porto Vázquez.
Na presentación estarán presentes a Comisaria e membros do equipo creativo, un representante da Executiva de UGT-Galicia, un representante da Deputación de A Coruña e directivos da Fundación Luís Tilve.
Día : Luns, 27 de maio de 2025.
Hora : 11:30 horas
Lugar: Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa Frei Rosendo Salvado,
14/16. Santiago)
Exposición: Do 27 de xaneiro ao 24 de febreiro