O BNG de Vimianzo denunciou o estado de total abandono do Rio de Vilar ao seu paso pola localidade de Vimianzo, así como a falta de interese pola ampliación do paseo fluvial en dirección Calo-Pasarela.
Indicaron os nacionalistas que na actualidade o río está cheo de maleza ata o punto de que en determinadas areas xa nin sequera se ve a auga. Unha situación que está afectando moi negativamente ao ecosistema fluvial, “pois aumenta o risco de estancamento da auga, favorece a acumulación de biomasa no leito, a proliferación de especies invasoras ou a redución de especies acuáticas a causa da diminución de oxíxeno na auga”.
A formación nacionalista tamén denunciou que o goberno municipal non atende as súas obrigas, pois segundo Augas de Galicia, órgano dependente da Xunta de Galiza e responsable das augas fluviais da autonomía, a limpeza e o mantemento dos ríos nas zonas urbanas é responsabilidade dos concellos. E así o refrenda a sentenza 1962/2017, do Tribunal Supremo.
Ao mesmo tempo, os nacionalistas reclamaron a construción da 4ª Fase do paseo fluvial Vimianzo-Calo-Pasarela. Criticaron a falta de interese do goberno por aumentar o trazado do paseo, unha demanda amplamente demandada pola veciñanza.
Por último, o BNG amosou ademais o seu malesar pola suba no servizo de madrugadores, unha suba de 20 euros con respecto ao pasado ano, o que o converte no concello coa taxa máis elevada da comarca.