O director de Phoenix Contact E-Mobility, Adriano Mones, falará sobre a mobilidade eléctrica e as cidades intelixentes no Campus Industrial de Ferrol

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro martes 14 de outubro, ás 17:00 horas, a presentación do último libro do director de Desenvolvemento Rexional en Phoenix Contact E-Mobility e presidente da Asociación Empresarial para el Desarrollo e Impulso del Vehículo Eléctrico (Aedive), Adriano Mones, titulado Tecnología y empleo para la movilidad eléctrica y las ciudades inteligentes”.

Este documento recolle unha serie de aportacións previas á celebración da VIII edición do Congreso Europeo de Movilidad Eléctrica (CEVE) e da I edición da “All Electric Society” International Summit: Electric Mobility through Smart Citiesque tivo lugar, do 18 ao 20 de setembro de 2024, en Gijón (Asturias). A edición e publicación deste material didáctico foi financiada polo Goberno do Principado de Asturias a través da Fundación Asturiana de la Energía.

Nesta obra, o responsable de mobilidade eléctrica no mercado ibérico e latinonamericano da multinacional Phoenix Contact analiza o seu impacto no eido nacional e internacional ao tempo que presenta as principais tecnoloxías do sector: a condución intelixente, as infraestruturas e modos de carga e o ciclo de vida das baterías. A maiores, tamén ofrece unha visión actualizada do estado desta tecnoloxía, das súas oportunidades e dos seus desafíos como alternativa á mobilidade convencional.

Compre sinalar que Adriano Mones tamén impartirá unha conferencia, titulada “Infraestrutura Intelixente e mobilidade eléctrica: deseñando o pulso das cidades do futuro”, ese mesmo día, pero ás 11:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, no marco do segundo Ciclo“Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade”. Unha actividade divulgativa que organiza un grupo de docentes do Departamento de Enxeñaría Industrial vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) co apoio da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC) e do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe).

Comparte éste artículo
No hay comentarios