Os composteláns, primeiro rival na casa para os betanceiros.
Logo das boas sensación na primeira xornada da Liga de Tercera FEB (antiga liga B), onde o Ineltrón Santo Domingo venceu a domicilio a Solgaleo Bosco Ourense por un contundente 64- 89, o equipo dirixido por José Amando “Soviético” e Alberto “Jimbo” disponse a debutar perante os seus seareiros o vindeiro domingo ás 17h. O rival, o Ulla-Oil Rosalía, malia ser un equipo acabado de ascender de Primeira Nacional, ten unha ampla bagaxe na categoría e experimentados xogadores na plantilla coma Nilo Barreiro ou Luís García Ortiz, que se suman a un roster formado basicamente por xente nacida entre os anos 2001 e 2005. O equipo colexial, que vén de perder na casa por tan só dous puntos fronte a Estudiantes Lugo (79-81), de seguro acudirá ao José María Valeiro Iglesias “Tocayo” coa idea de resarcirse da derrota e sumar a primeira vitoria da temporada.
Así valora o encontro o adestrador betanceiro: “O partido vai estar moi igualado, é un equipo formado por xogadores novos, aínda que hai tres ou catro con experiencia na categoría. Teñen intensidade en todas as súas accións, tanto ofensivas como defensivas. Ë un equipo que presiona durante os corenta minutos. Se somos quen de saír ben da presión e facer que eles se precipiten nas súas accións ofensivas, temos moitas posibilidades de gañar o partido. O equipo está adestrando moi ben e moi motivado logo da vitoria do domingo pasado en Ourense. Contamos coa baixa de Marcos Rozas por problemas físicos”.
A cita, o domingo 12 ás 17h no pavillón municipal José María Valeiro Iglesias “Tocayo” de Betanzos.
Debut dos equipos de Terceira Autonómica e ampla axenda para a canteira
Polo demais, a fin de semana do 11-12 de outubro supón o debut dos dous equipos masculinos de Terceira Autonómica e á volta ás pistas de boa parte da canteira tras a xornada reducida da primeira semana. Así, as infantís de Warnier xogan na casa fronte a Montrove, os infantís masculino de Cyrdega fóra contra Compañía de María e, polo que toca aos cadetes, as rapazas de Decornaveira visitan a pista de Calasanz, os rapaces de J. Caamaño Arquitecto a de Escravas en Cocheras e o Grelo recibe na casa a Golfiños As Mariñas. As júnior de Infor-B xogan contra Basquet Coruña no Ventorrillo e as sénior contra Escravas en Riazor, o sábado ás 16h.