A Xunta atende no Veral un exemplar de voitre negro para o seu reingreso ao seu hábitat natural

A ave, rescatada en estado moi feble no feiral do San Froilán, en Lugo, ten aproximadamente un ano de vida, é  dunha especie non habitual en Galicia e presenta unha evolución favorable.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático acolle no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe do Veral (Lugo) un exemplar de voitre negro que foi capturado o pasado domingo pola tarde na capital provincial en estado moi feble.

O rescate produciuse en pleno feiral do San Froilán, moi concorrido a esas horas, e nun primeiro momento a ave foi atendida no hospital veterinario universitario Rof Codina, desde o que foi trasladada onte pola mañá ao centro da Xunta no Veral.

Tras unha primeira exploración ditaminouse que se trata dun exemplar xuvenil de voitre negro que presentaba un prognóstico reservado dada a súa temperatura corporal baixa e estado de lixeira deshidratación, motivos polo que se procedeu á súa hospitalización. Non tiña fracturas e inmediatamente recibiu os oportunos coidados en canto a alimentación e hidratación.

Tras un novo exame na mañá de hoxe, apréciase unha evolución favorable: recuperou   valores normais nas súas constantes vitais e aliméntase por se mesmo, polo que foi trasladado da área de hospitalización a un parque de voo de tamaño intermedio.

A evolución invita ao optimismo sobre unha recuperación total que posibilite o seu reingreso ao seu hábitat natural, aínda que a súa estancia no centro do Veral seguramente se prolongará durante máis dun mes.

O voitre conta con arredor dun ano de vida e pesa uns 4,5 quilogramos. Pertence a unha especie que non é habitual en Galicia, polo que se presume que chegou doutra comunidade, posiblemente de Extremadura.

No centro de recuperación da fauna do Veral ingresaron este ano para recibir coidados 628 animais, dos que 492 foron aves. Deles, dous eran voitres leonados procedentes da Serra do Xistral.

Comparte éste artículo
No hay comentarios