O PSdeG acusa ao PP de traizoar á Pesca e pide a Alfonso Rueda defender en Europa os fondos ameazados cun recorte do 67%.

O socialista Carlos López Font advertiu hoxe no Parlamento galego, na comparecencia da Conselleira do Mar que a proposta da Comisión Europea de reducir un 67% os fondos europeos para a pesca (FEMPA) “é absolutamente inaceptable” e suporía “un golpe letal para Galicia, a principal comunidade pesqueira de España e unha das máis importantes de Europa”.

Font lembrou que a proposta comunitaria contempla unha redución de aproximadamente 2.000 millóns de euros “polo que os e as socialistas de Galicia rexeitámola de plano polas consecuencias que tería para o noso país”.

O parlamentario socialista reclamou “unha contestación e mobilización institucional conxunta” entre o Goberno de España e as comunidades autónomas, e instou á Xunta “a romper coa práctica habitual dos gobernos de Feijóo e Rueda de enfrontamento institucional”.

“Os socialistas facemos un chamamento a unha fronte común entre o Goberno de Galicia e o Goberno de España”, afirmou, lembrando que “valoramos de forma moi positiva a inmediata reacción do ministro Luis Planas, de considerar que o recorte é inaceptable”.

Font tamén criticou a actitude do Partido Popular ante un recorte impulsado desde as súas propias filas en Europa: “O goberno da Comisión Europea é de maioría absoluta do Partido Popular Europeo, o máis de dereitas que tivo a Unión Europea nunca”, advertiu. Engadiu que “o comisario de Pesca é do PPE e na súa primeira e decisiva actuación traizoou á pesca con este recorte do 67%”.

“O Partido Popular de España e de Galicia non poden mirar para outro lado, como fan habitualmente”, subliñou Font, quen denunciou ademais a inacción da Xunta: “O presidente Rueda estivo de viaxe en Bruxelas e non se coñecen accións en defensa do sector pesqueiro en Galicia”. E engadiu: “Sería moi bo que Feijóo, tan dado a desprazarse a Bruxelas para criticar ao Goberno de España, se posicionase expresamente en contra desta redución”.

Nesta liña, advertiu que “sen eses recursos, non só se pon en risco a actividade económica, senón tamén a conservación do ecosistema mariño, que é vital para o noso planeta”, e fixo unha chamada “á solidariedade, á unidade política e social para facer fronte a esta ameaza e para que Galicia siga sendo un referente europeo en pesca e en protección dos nosos océanos”.

“Os socialistas estaremos sempre á beira dos pescadores, das confrarías e de todos os traballadores do mar para defender os seus dereitos e garantir que a pesca siga sendo unha actividade viable, xusta e sostible”, concluíu. “Non podemos permitir que as decisións tomadas lonxe da nosa terra penalicen o traballo duro e a historia da nosa xente”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios