ADEGA agradece as achegas recibidas a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos que permitiron recorrer xudicialmente este polígono eólico.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) acorda a paralización cautelar do proxecto eólico Patiñeiro, promovido por Naturgy Renovables no concello de Vimianzo, tras estimar a solicitude presentada por ADEGA. O proxecto, que contempla a instalación de tres aeroxeradores de ata 200 metros de altura nunha zona con alta densidade de fauna protexida e un patrimonio arqueolóxico único, fora autorizado pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta de Galiza.
O TSXG aprecia risco de danos ambientais irreparables
No seu auto, o alto tribunal galego considera acreditado o risco de danos ambientais de difícil ou imposible reparación, xa que o proxecto podería afectar «elementos ambientais altamente sensibles, ben por estaren catalogados, ben por se trataren directamente de especies con distinto grao de protección ou perigo».
O TSXG destaca que o parque se proxecta sobre unha área cualificada como de exclusión eólica polo Mapa de Zonificación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o que evidencia a presenza destes valores ambientais. A isto súmanse indicios de afección a hábitats con especies ameazadas, a alteración dun corredor ecolóxico relevante para a avifauna, así como a proximidade das instalacións a núcleos de poboación, con posible impacto sobre a saúde das persoas e o benestar animal.
Na ponderación dos intereses en conflito, o tribunal conclúe que debe prevalecer a protección do medio ambiente sobreo interese económico, e aplica, pois, os principios de prevención e precaución do dereito ambiental europeo. A medida concédese sen esixir caución a ADEGA, a asociación demandante, dado o ben xurídico protexido.
Un perigo para a avifauna ameazada
En concreto, o proxecto eólico Patiñeiro sitúase na comarca de Terra de Soneira, nunha área que funciona como corredor ecolóxico entre a costa e o encoro da Fervenza, clave para a invernada e paso de avifauna migratoria. ADEGA advirte da presenza de rapinas esteparias vulnerables, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), con posible cría, sen que se realizase unha prospección anual completa de avifauna antes da autorización do proxecto. Tamén cómpre ter en conta a afección a zonas con presenza do lobo ibérico, así como o risco para recursos hídricos que abastecen á poboación local.
O polígono eólico instalaríase, ademais, nunha zona con alta densidade de xacementos arqueolóxicos, algúns deles declarados Ben de Interese Cultural (BIC) – como o Túmulo de Pedra da Moura de Monte Carnio, o Túmulo de Pedra Cuberta e a Anta de Serramo/Pedra da Lebre-; e moi próximo a núcleos habitados, con aeroxeradores situados a menos de 550 metros de vivendas.
ADEGA tamén alerta da acumulación de parques eólicos e liñas eléctricas na contorna, que provocaríaefectos sinérxicos sobre a biodiversidade. A tramitación deste parque eólico independentemente da súa liña de evacuación podería tratarse dunha fragmentación de proxectos, artellada coa finalidade de minimizar os impactos no procedemento de avaliación ambiental, e podendo tratarse, xa que logo, dunha fraude de lei.
Un logro posible grazas á campaña #TiPodesParalos
Este proceso xudicial e a conseguinte paralización cautelar do parque eólico Patiñeiro foron posibles grazas á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos, impulsada para facer fronte aos custos xurídicos que supón a defensa do territorio nos tribunais. A asociación ecoloxista quere agradecer expresamente a todas as persoas doantes, en especial á asociación Vendaval e á veciñanza de Vimianzo,que, coas súas achegas, fixeron posible recorrer este proxecto eólico e acadar unha nova vitoria xudicial na protección do medio ambiente.
A campaña #TiPodesParalos permitiu a ADEGA interpoñer máis dunha trintena de recursos contencioso-administrativos contra numerosos proxectos eólicos, e acadar, en moitos casos, a súa paralización cautelar. Esta iniviativa segue demostrando que amobilización social e a acción xurídica son ferramentas fundamentais para frear proxectos lesivos para o territorio.