“Basta con achegarse a calquera porto para observar que, todas elas, son demandas recorrentes dos profesionais da pesca”.
O parlamentario lucense do Partido Popular, José Manuel Balseiro, trasladará no Senado cinco prioridades que o Goberno de España ten que afrontar para asegurar o relevo xeracional no sector pesqueiro. A moción será obxecto de debate hoxe na Comisión de Pesca da Cámara Alta prevista para as 11.00 horas.
A primeira das medidas ten que ver coa importancia de mellorar a formación naútico-pesqueira, adaptándoa ás necesidades do sector. Balseiro pide favorecer as posibilidades de obtención de novos títulos, mediante unha maior oferta de formación regrada e dual, de cursos online e aproveitando a estancia en terra para que os alumnos, xa tripulantes, poidan completar a súa formación e ver recoñecida as súas prácticas e experiencia laboral.
“Os profesionais do mar din que unha das maiores trabas que se atopan á hora de pensar no seu presente e futuro está na dificultade de atopar tripulantes, dispostos a enrolarse nunha embarcación, con especial dificultade cando se trata de cargos de mando, en ponte, pero tamén en máquina”.
A segunda das medidas ten que ver coa necesidade dunha maior axilidade na homologación de títulos, tanto daqueles procedentes de países cos que asinamos convenios internacionais, os cos que se poidan asinar no futuro, “en liña co que xa se está a facer por parte da Mariña Mercante” como, en terceiro lugar, coa axilización do sistema para o recoñecemento automático daqueles títulos emitidos en países procedentes da Unión Europea.
“Non é aceptable que moitos dos que aspiran a traballar nun barco pesqueiro non poidan facelo, non por falta de formación, senón por un trámite administrativo incompleto, que se dilata no tempo”.
En cuarto lugar, a moción dos populares insta ao Goberno de España a ditar as instrucións oportunas para a unificación, simplificación e axilidade da toma de decisións por parte das distintas Capitanías Marítimas porque “moitos profesionais se están atopando con criterios dispares sobre a aplicación da mesma norma”.
Finalmente, os populares instan ao Goberno a excluír calquera pretensión de reducir a xornada laboral ao sector do mar, aplicándolle medidas xeneralistas que descoñezan as súas peculiaridades. A ameaza persiste a pesar de que o Real Decreto que inicialmente pretendía aprobar o Goberno de PSOE e Sumar non acadou a maioría parlamentaria necesaria, porque “non se pode lexislar desde os despachos de Madrid, de costas á realidade do sector”.
“Basta con achegarse a calquera porto para observar que son demandas recorrentes dos profesionais da pesca fronte ás que fixeron oídos xordos desde o Ministerio”, conclúe Balseiro.