Píxel á Feira revela o seu avance de programación con El Barroquista, Tiaviolí Gaming e o regreso das máquinas recreativas Daytona USA

As máquinas orixinais de Daytona USA de 1993 con oito xogadores simultáneos chegarán a Píxel á Feira da man de Mikado Game Center Europe. O concerto de Tiaviolí Gaming será o primeiro en Galicia.


Píxel á Feira revela o seu avance de programación con El Barroquista, Tiaviolí Gaming e o regreso das máquinas recreativas Daytona
 USA

  • As máquinas orixinais de Daytona USA de 1993 con oito xogadores simultáneos chegarán a Píxel á Feira da man de Mikado Game Center Europe. O concerto de Tiaviolí Gaming será o primeiro en Galicia 
  • Os podcasts Recuncho Gamer e Exército Mekemeke darán voz á comunidade cultural galega do videoxogo, que terá unha presenza destacada nesta primeira edición do salón 
  • Píxel á Feira, organizado pola Deputación da Coruña, celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela e mantén aberto o prazo de inscrición para participar nas súas zonas de mercado e actividades a través de www.pixelafeira.gal

Santiago de Compostela, 15 de outubro .-O salón galego do videoxogo Píxel á Feira, presenta un avance da súa programación con grandes protagonistas: o concerto de Tiaviolí Gaming, o encontro co divulgador El Barroquista e unha espectacular zona arcade con máquinas orixinais de Daytona USA de 1993 con ata oito xogadores simultáneos. O evento, organizado pola Deputación da Coruña, celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, convertendo a cidade por dous días na capital galega do videoxogo e da cultura dixital.

O músico e creador de contido Sebastià Pou, coñecido como Tiaviolí Gaming, chegará por primeira vez a Galicia cun concerto único en directo que combina música, videoxogos e cultura dixital. Co seu violín como protagonista, reinterpretará melodías e universos do videoxogo nun formato visual e sonoro que xa conquistou o público de eventos como TwitchCon Rotterdam ou GamePolis Málaga. A súa actuación terá lugar o sábado 8 ás 12.45 h.

historiador e divulgador Miguel Ángel Cajigal Vera, El Barroquista, ofrecerá a charla ‘Arte & Historia nos Assassin’s Creed’ o sábado 8 ás 17.15 h.. Nela explorará a relación entre a popular saga de videoxogos e a historia real, analizando como recrea contextos, personaxes e cidades con rigor artístico e valor divulgativo. 

As máquinas recreativas ocuparán un lugar protagonista nesta primeira edición de Píxel á Feira. O público poderá xogar en máquinas orixinais de Daytona USA (1993) con ata oito xogadores simultáneos, chegadas da man de Mikado Game Center Europe, referente internacional na preservación e restauración de arcades xaponesas. Estas recreativas, cada vez máis difíciles de atopar en funcionamento, son verdadeiras xoias da cultura dos anos noventa e inclúen clásicos de Capcom, SEGA ou Taito, ofrecendo unha das experiencias máis inmersivas e nostálxicas da historia do videoxogo.

As máquinas formarán parte dunha exposición máis ampla dedicada ao universo arcade, que reunirá videoxogos retro e actuais con competicións abertas ao público durante toda a fin de semana, convertendo o Pazo de Congresos nun auténtico salón de xogos interactivo.

O programa incluirá tamén dous podcasts en directo, que achegarán ao público galego voces de referencia na creación de contido arredor do videoxogo. Por unha banda, Recuncho Gamer Podcast (con Ángela Triana, Sara Gurdiel, Jon Amil e Rita Calvo) gravará un episodio especial sobre “A primeira vez”, centrado nas lembranzas do primeiro contacto co videoxogo. Pola outra, O Exército Mekemeke, presentado por Carlos Vieito, abordará con humor e enerxía este amplo universo, con un programa recoñecido nos premios Youtubeiras+.

Aberto o prazo para participar en Píxel á Feira
O salón galego do videoxogo mantén aberto o prazo para que creadoras, comercios e devs poidan participar co seu proxecto ou stand na súa primeira edición. A participación é de balde, con prazas limitadas e prioridade para propostas chegadas desde a provincia da Coruña ou que mellor encaixen coa filosofía do encontro.

As persoas e entidades interesadas poden inscribirse a través do formulario dispoñible na web oficialwww.pixelafeira.gal, nas modalidades de Zona MercadoZona Interactiva e Escenario DLC, que combinan espazos de exposición, interacción, presentacións e obradoiros.

Con este avance de programación, Píxel á Feira continúa a definir unha cita que combina lecer, música, divulgación e historia para celebrar o videoxogo como un espazo de creatividade e encontro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios