A Consellería do Medio Rural prevé un investimento de 1,3 millóns de euros na iniciativa, que afecta a máis dun cento de propietarios e 1.700 parcelas.
A Xunta de Galicia está a avanzar nos traballos de elaboración das bases e o plan de ordenación de predios de especial vocación agraria da zona de reestruturación parcelaria de Guilfrei, en Becerreá.
Con tal motivo, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, xunto coa directora territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias, e persoal técnico do departamento achegáronse hoxe á localidade para explicar aos veciños e veciñas implicados e aos representantes municipais a proposta do plan e as trazas da futura rede de camiños, que sumarán una lonxitude estimada de 20 quilómetros.
O obxectivo é avanzarlles as liñas principais do proxecto, escoitar as súas suxestións e incorporar as que sexa posible ao documento, que en todo caso con posterioridade será obxecto de exposición pública.
A Xunta prevé un investimento de 1,3 millóns de euros neste proceso de reestruturación parcelaria, que ordena unha superficie total de 447 hectáreas distribuída en 1.719 parcelas de 111 propietarios.