O Partido Popular advirte que as instalacións do cuartel da Garda Civil do Valadouro requiren de obras de reparación e rehabilitación con carácter urxente. E por iso os senadores pola provincia José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano veñen de dirixirse formalmente ao Goberno de Sánchez para que explique cando ten previsto acometer obras, en que van consistir, con canto presuposto contan e en que prazo se executarán.
Os populares lembran que se trata dunha demanda unánime da corporación municipal do Valadouro que aprobou en Pleno instar ao Goberno de España a realizar obras de illamento térmico, pintado e redistribución de espazos para potenciar a comodidade e funcionalidade destas instalacións que “non están en óptimas condicións para prestar servizo e, moito menos, para vivir”, como subliña o senador mariñán José Manuel Balseiro.
Recentemente o Goberno de España afirmaba en resposta a outra pregunta formulada polos senadores populares que procedería a realizar obras de reparación e rehabilitación segundo as necesidades do cuartel con cargo aos presupostos de gasto descentralizado que executa a Comandancia de Lugo; pero non especificaba as actuacións a realizar nin os prazos ou características das obras.
Balseiro esixe unha resposta por parte do Ministerio de Interior toda vez que se están a acometer obras similares noutros cuarteles en situación parecida ou, incluso, mellor.
Ademais, engade que “pasaron sete meses dende que o Goberno de Sánchez se comprometera, en documento oficial, a realizar as obras no cuartel da Garda Civil de Ferreira do Valadouro sen que tiveramos nunha noticia a pesar de que incluso o senador socialista, César Mogo, aseguraba publicamente que as obras no cuartel do Valadouro xa estaban contempladas polo Goberno de Sánchez.