O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), inaugurado hai xa 13 anos e cun investimento de máis de 7 millóns de euros de fondos propios do concello, continúa sendo un dos exemplos máis claros da falta de proxecto cultural do goberno municipal e do despilfarro de proxectos sen valor engadido para a cidadanía. O que se presentou como un espazo vangardista para divulgar a historia da cidade é hoxe un edificio sen uso estable, sen contido e con evidentes carencias de mantemento.
Desde o Partido Popular lembran que, grazas á súa presión, o Concello realizou algunhas reparacións puntuais, pero “son simples parches que non solucionan o problema de fondo”. “O MIHL precisa un proxecto cultural estable e continuidade na súa programación, non actuacións improvisadas”, subliñan.
Agustín Gallego considera especialmente grave que o BNG que xestiona a instalación “teña renunciado a darlle vida e contido a este museo”. O popular propuxo:
- Exposicións temporais periódicas.
- Talleres de fotografía, deseño e debuxo para nenos e adultos.
- Programas de colaboración con centros educativos, como o Bacharelato de Artes do IES Sanxillao.
“O MIHL pode ser un espazo para divulgar a historia e o talento de Lugo, pero para iso hai que crer nel e traballar con proxecto”, afirmou Gallego.