Seguimos en pé, firmes e imprescindibles, nas primeiras liñas da loita pola igualdade, polo traballo digno e pola liberdade”. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou así hoxe a obra do fundador do PSOE e da UGT con motivo do 175.º aniversario do seu nacemento. Ferrol acolleu esta mañá o acto conmemorativo a nivel nacional, durante o que se descubriu a recreación da antiga placa en memoria de Pablo Iglesias destruída polos golpistas en 1936. Na súa intervención, Besteiro destacou que na cidade comezaron a escribirse “as páxinas máis luminosas da historia progresista do país”, da man dun “fillo da pobreza” que tivo “a valentía de soñar cun país máis xusto, máis igualitario, máis libre, máis feminista”.
“Hoxe queremos perpetuar con xustiza a súa memoria e poñer en valor o legado máis valioso que nos puido deixar: un partido, o PSOE, e un sindicato, a UGT”, dixo o líder socialista sobre dúas organizacións “que resistiron a guerra e a represión e foron decisivas para reconstruír e modernizar España”. “Seguimos en pé, firmes e imprescindibles, nas primeiras liñas da loita pola igualdade, polo traballo digno e pola liberdade”, remarcou.
Besteiro defendeu que Pablo Iglesias demostrou que o camiño para cambiar as cousas é o socialismo, “e por iso o atacaron”, porque, asegurou, “as dereitas nunca soportaron a quen lles demostra que se pode servir ao país sen servirse del”. “Cando o Partido Socialista avanza, a desigualdade retrocede, e por iso nos atacan, por iso nos difaman: por medo”, insistiu.
Un medo que, recordou, “foi o que levou no ano 36 a refundir a placa que lembraba a Pablo Iglesias” e que agora leva a o actual goberno municipal do PP en Ferrol “a querer volver agochar a súa memoria”, negándolle o espazo que lle corresponde “e ofrecendo un lugar indigno para quen esta cidade reivindica con orgullo como fillo predilecto”. “Repítese a historia do 36. É a mesma dereita que quere silenciar as nosas voces, pero non llo imos permitir”, advertiu.