O Seminario de Onomástica explícalle á veciñanza da Caniza as razóns do cambio do nome oficial do concello

A forma xenuinamente galega documéntase desde a Idade Media, aparece tamén na obra de frei Martín Sarmiento e mantense viva na fala de veciños e veciñas de máis idade.

A Real Academia Galega explicoulle esta mañá de sábado á veciñanza da Caniza as razóns pola que ditaminou mudar a denominación deste concello pontevedrés, ata agora oficialmente Cañiza, para que a forma xenuinamente galega sexa recoñecida na vindeira actualización do Nomenclátor de Galicia, a listaxe que recolle os nomes das entidades de poboación da Comunidade Autónoma. O auditorio da Casa da Cultura acolleu unha xuntanza na que tres académicos especialistas en toponimia, membros do Seminario de Onomástica da institución, expuxeron os motivos lingüísticos, históricos e normativos que xustifican esta decisión, que atinxe tamén a denominación da parroquia homónima.

O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina; a secretaria da RAG, Ana Boullón, e o tamén académico de número Gonzalo Navaza compareceron ante os veciños e veciñas da Caniza xunto ao secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o alcalde, Luis Piña, quen presentou  e moderou a sesión.

A reunión permitiu que as persoas asistentes coñezan en detalle a investigación realizada pola RAG de cara a propoñer a restitución da forma galega do nome deste municipio da comarca da Paradanta. O traballo realizouse no marco das competencias asignadas á Academia pola Lei de Normalización Lingüística, entre as que figura estudar e propoñer a restauración da onomástica galega de cara á súa oficialización.

A proposta de restablecer a forma A Caniza foi validada este verán pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, xunto ás modificacións que implican outros once nomes de concellos, a inclusión de topónimos de novas entidades de poboación e cambios, na maioría dos casos menores, doutros nomes que designan parroquias e lugares. Tras este visto bo, entrará en vigor unha vez sexa aprobado polo Consello da Xunta.

Un topónimo atestado desde a Idade Media baseado nunha palabra común 

A RAG iniciou de oficio o proceso de revisión para restaurar a forma propiamente galega A Caniza, topónimo tomado dunha palabra do léxico común, caniza, que fai referencia nas súas distintas acepcións a estruturas ou obxectos realizados mediante varas ou canas tecidas. Trátase, por tanto, dun derivado de cana (< latín CANNA) a partir do étimo CANNICEA. Segundo sinala Gonzalo Navaza na obra Fitotoponimia galega, as vocescanizo caniza aluden na toponimia ao uso de canas ou varas para pechar leiras ou defender do vento as hortas ou plantacións, aínda que non se pode descartar a posibilidade dun uso como sinónimo de cabaceiro ou hórreo.

Canto ás súas orixes, o topónimo está atestado desde antigo: na Idade Media a localidade da Caniza estaba incluída no couto das Achas, pertencente ao mosteiro da Franqueira. Na documentación deste cenobio e mais no de Melón atópanse rexistros d’A Caniza (“outra nosa leyra e seve da Caniza”, ano 1297) que talvez non se refiren a esta localidade, pero que en calquera caso testemuñan a existencia do nome na toponimia da zona. Non ofrece dúbidas, en cambio, un testemuño do ano 1589 en que se cita a “villa de la Caniça, que es en el balle de las achas & reino de Galicia”.

Nas referencias en textos escritos en castelán, o topónimo aparece frecuentemente castelanizado como La Cañiza, e con esta forma adoita rexistrarse na documentación posterior á creación da parroquia. Con todo, en diversas fontes coma o Catastro de Ensenada (1753) e o seu expediente de comprobacións (1764), á beira da forma deturpada tamén se rexistra en ocasións a forma lexítima. Tamén anotou a forma propia sen castelanizar o padre Martín Sarmiento na súa Viaje a Galicia de 1755: “Y la altissimacordillera de Franqueira, Caniza, y Paradante o Pedra de Anta que es el remate aziaMourentan”.

Desde o nacemento do concello, nas primeiras décadas do século XIX, empregouse na súa denominación oficial a forma deturpada La Cañiza ou simplemente Cañiza. Esta figura, por exemplo, no repartimento xeral publicado en 1821 onde aparecen relacionados os concellos e partidos xudiciais que formaban parte de Galicia.

O nome oficializado xa no século XIX contribuíu a fixar o topónimo castelanizado entre a poboación. Porén, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega puido comprobar que a memoria do orixinario A Caniza sobreviviu ata actualidade entre os falantes da zona, especialmente nos de maior idade.

Por todo isto, e tendo en conta que a lei establece que a forma oficial dos topónimos de Galicia é unicamente a galega e que a da Cañiza é allea á lingua galega, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega propón oficializar o topónimo A Caniza para o nome da vila, da parroquia e do concello.

1

Comparte éste artículo
No hay comentarios