O Baxi Ferrol sigue imparable en Europa logo de gañar en Polonia

Tres vitorias en tres partidos é o balanzo do Baxi Ferrol na Euro Cup 2025/26. As ferrolás lideran o grupo K logo de impoñerse en Sosnowiec ao Zaglȩbie, o rival máis duro desta fase. Fíxoo gañando en tres cuartos até alcanzar unha vantaxe de sete puntos (83-90). O equipo mostrou certos altibaixos sinalados nas 16 perdas. No positivo, a coralidade no bo facer de xogadoras como Daniels, Melia, Blanca Millán, Šotolova ou Joiner, todas cos dous díxitos de valoración.

Ritmo, ritmo e máis ritmo

Sete primeiros puntos de Melia foron o comezo dun Baxi Ferrol que se viu metido nun partido dun ritmo incontrolado ante el Zaglȩbie Sosnowiec. 7-7 a sete minutos do final do primeiro cuarto. A irlandesa aínda anotaría dous puntos máis para poñer por primeira vez ás galegas arriba (8-9). Joiner dixo que eran máis que Melia para anotar e fixo os seguintes cinco puntos para igualar (14-14). Unha tripla de Daniels obrigou a que Piotr Gliniak pedira o seu primeiro tempo coas polacas tres abaixo. Taylor igualouno na volta á pista. A estadounidense gastou a segunda falta a 2:14 e Daniels volveu a atinar coa tripla, logo cunha entrada e, en defensa, cunha tampa a Pyka.
A primeira tripla de Blanca Millán elevou o marcador a 17-25, recurtado por Pyka a segundos do remate do cuarto. As dúas altas do Baxi Ferrol remataron o período liderando a táboa de anotacións. Defensivamente, conseguiran parar a Reese, que só fixera dous puntos.

Dous malos minutos estragan unha cómoda vantaxe

Daniels comezou mal o segundo cuarto, con dous erros no tiro, pero o Baxi Ferrol aumentou a vantaxe. Púñase dez arriba logo dunha unha asistencia de Šotolová a Daniels, que anotaba baixo o aro (21-31). A 7.38, Rodríguez logrou a primeira canastra máis o adicional das visitantes para irse ao 23-34. Niedzwiedzka aproveitou o espazo que lle deu a canaria para enfiar de tres. Aínda así, Rodriguez compensou o erro provocando a perda polaca logo da nova cesta de Daniels.
O banco das ferrolás parecía unha rúa. Rotacións constantes para manter unha enorme tensión defensiva. Unha tripla de Pyka evitaba que o Baxi Ferrol fuxira cos acertos de Melia. Un acerto de Joris e un erro de Taylo,r alén dos 6,75, volveu poñer ás galegas por riba dos dez, non aumentados por Erjavec desde os tiros libres (34-45).
O partido mudou para mal das galegas logo dun ataque absolutamente anárquico das polacas. O mesmo rematou cunha falta de Joris sobre Pyka, que anotou desde os 4,60. A eles seguiron unha tripla de Kurach, a décima quinta tentada polas locais, a canastra de Kuczynska tras roubar a bola a Rodríguez, e outros dous libres de Reese (43-45). No derradeiro segundo, tras dous rebotes ofensivos seguidos, Rodríguez fechou o cuarto cunha canastra baixo aro co que mataba unha xeira polaca, que segundos antes estivo a piques de virar o marcador cunha tripla de Kurach cuspida polo anel (43-47).
Daniels, con catorce puntos, chegaba ao ecuador como mellor anotadora e Melia, con trece, era a mellor valorada do partido. A irlandesa e Reese eran quen chaparan máis rebotes (6).

As galegas reconducen o partido desde a defensa

A segunda metade comezou cun acerto de Blanca Millán tras posteo fronte unha Taylor con tres faltas. Joiner abanou logo de recibir un golpe na cabeza, que non tivo consecuencias. Os cambios de defensa zonal e individual do Zaglȩbie desconcertaron ás galegas até que Joris anotou dúas triplas consecutivas e Šotolova resolveu outro ataque baixo aro (47-57). Gliniak pediu tempo. Na volta, Kurach, Reese e Taylor, tres veces, acertaron de tres (62-61). O tempo seguinte foi de Lino López, que non se vía por abaixo desde a metade do primeiro cuarto. Sánchez-Ramos devolveu a vantaxe ao Baxi Ferrol, ampliada por unha tripla de Šotolova e dous libres de Daniels (62-68). A defensa galega mudara por completo logo das reflexións de López, pero tamén axudada polos primeiros minutos das polacas sen norteamericanas en pista.

Un equipo son varias

Dúas perdas en ataque e os acertos de Taylor e Reese xuntaron os números no electrónico. Blanca Millán, nunha penetración, forzou a falta de Reese. A santiaguesa anotou e Sánchez-Ramos imitouna no seguinte ataque, no que sofreu o golpe de Kurach nos brazos (66-72).
Taylor volveu ao seu, a acertar de tres antes que Melia volvera aos tiros libres ao provocar a falta de Reese. A irlandesa anotou un, pero Burliga respondeu de tres. Taylor fixo a cuarta falta a 5:40, o Zaglȩbie fixo a cuarta de equipo e, nese ataque, Šotolova anotou de tres. Pouco antes, Reese tamén chegara á cuarta falta.
Demasiadas cousas boas nuns instantes, que no resolveron o final. Pouco despois, logo de coller o rebote ofensivo a un tiro libre errado por Kuczynska, Kurach puxo ao Zaglȩbie a un (77-78). O partido camiñou en vantaxes de un a tres puntos favorables ás galegas nos seguintes ataques. Un acerto era tapado polo do rival, o mesmo que os erros.
Así foi até que Taylor, aceleradísima no seu retorno ao xogo, errou unha entrada e Šotolova acertou a súa. 81-86,. A 2:20, as galegas albiscaban a vitoria. Unha asistencia de Daniels e Melia, que anotou no derradeiro segundo da posesión, puxérona máis perto, antes dos incomprensibles erros nas bandexas da propia Šotolova e, a continuación, da ex céltica Tadić. O final do partido foi un cúmulo de desacertos, con Taylor tirándose até as zapatillas.
Joiner anotou a última canastra do xogo antes que Taylor tentase, sen puntería, a última tripla no derradeiro segundo do xogo. Reese foi a máis valorada, con 21, un punto máis que Melia, e Taylor foi a mellor anotadora con 27.
O Baxi Ferrol gañou en Polonia un partido moi complicado, agarima o primeiro lugar do grupo K e recibirá ao Benfica o próximo mércores (29/10) na Malata, ás oito e cuarto da tarde, no comezo da segunda volta da liguilla.

Ficha

MÉRCORES 22/10/2025 (18,00) Pavillon: WIDOWISKOWO-SPORTOWA (250)
ZAGLĘBIE SOSNOWIEC : 83 – BAXI FERROL : 90 (19-25) (43-47) (62-68)
ZAG : Pyka (13), Niedzwiedzka (5), Tadić (4), Taylor (27), Reese (14) – cinco inicial -, Kuczynska (3); Jackowska (-), Kurach (10), Burliga (7). Tre. Piotr Gliniak. (Banco: Kozik; Micek).
BAX : Erjavec (2), Joiner (9), Blanca Millán (11), Joris (9), Melia (16) – cinco inicial -, Sánchez-Ramos (4), Šotolová (16), Daniels (18), Rodríguez (5). Tre. Lino López. (Banco: Silvia Millán).
Árbitros: Kitsing (Estonia), Misirovs (Letonia), Urbanovič (Lituania).
Eliminadas: Non houbo.

Foto: Joiner non perdeu a cabeza malia o golpe levado. © FIBA

Comparte éste artículo
No hay comentarios