O voluntariado de ADEGA actúa nos montes queimados de Valdeorras para previr a erosión do solo e escorrentías

Aplicou mulching en máis de 17.500 m² de terreo calcinado e instalou un total de 18 trampas de sedimentos nunha acción simultánea de voluntariado organizada esta fin de semana pola asociación ecoloxista en colaboración con cinco concellos de Valdeorras.

A acción simultánea de voluntariado para a restauración ambiental de zonas queimadas en Valdeorras, impulsada pola asociación ecoloxista ADEGA coa colaboración dos concellos da Rúa, Petín, O Barco, O Bolo e Vilamartín de Valdeorras, concluíu con éxito esta pasada fin de semana. Cerca de 70 persoas voluntarias procedentes de diferentes puntos do país participaron nos labores de control de erosión e freo de escorrentías nun total de cinco zonas de intervención seleccionadas previa visita e avaliación técnica por parte da organización. 

O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez; do Barco, Tino Alonso; a alcaldesa da Rúa, María González; e a de Petín, Raquel Bautista, deron a benvida ao voluntariado o venres pola tarde no Albergue Municipal de Vilamartín. Alí agradeceron a iniciativa de ADEGA e o compromiso e a entrega das persoas participantes, e expresaron o desexo de que estas xornadas sirvan para que as administracións tomen conciencia de que «fai falta moito tempo e moita xente nos montes» para restaurar o territorio queimado.

Máis de 17.500 m² de mulching e 18 trampas de sedimento

O voluntariado, coordinado por unha equipa de dez persoas técnicas de ADEGA, levou a cabo tarefas de mulching ou acolchamento, consistentes no espallado de pacas de palla de 25 quilos que permitiron protexer máis de 17.500 m² de terreo. Ademais, instaláronse 18 trampas de sedimentos en diferentes puntos, que sumarían en total unha lonxitude de 120 metros, co obxectivo de reter o solo e impedir o arrastre de cinzas cara aos cursos fluviais e ás captacións de auga. Os traballos realizáronse de maneira simultánea en diferentes áreas da comarca, onde se adaptaron os labores ás condicións e necesidades de cada espazo. 

Na Rúa, o voluntariado aplicou mulching nun total de 700 metros cadrados nas zonas de captación das Arcas, que dan auga ás poboacións de Petín e A Rúa, e tamén na contorna do rego de Fontei. Construíronse un total de 7 trampas de sedimento nas Arcas e 5 en Fontei. En Vilamartín de Valdeorras, o grupo de participantes interveu nas ladeiras do río Leira, nas que esparexeu palla en 3.000 m² de terreo calcinado e levantou unha faxina. No concello do Barco de Valdeorras, os esforzos concentráronse na Lomba de Peniguillón, preto da captación da Forcadela, onde o espazo intervido con mulching ascendeu ás máis de 10.000 m², mentres que en Trevinca se construíron cinco trampas de sedimento e se aplicou mulching nuns 3.000 m². En todos os casos, as tarefas orientáronse á protección do solo, á prevención de procesos erosivos e ao freo de escorrentías en áreas de forte pendente.

Xa na xornada do domingo, o voluntariado de ADEGA participou nunha acción de recollida de sementes autóctonas en Valdeorras, coa que se puxo o punto final ao campo de traballo. A actividade centrouse na recolección de sementes de especies propias da comarca, como aciñeiras, érbedos, sobreiras, cornicabras, estripeiras, roseiras, xaras ou xestas, co obxectivo de crear un pequeno viveiro en colaboración co IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, que permitirá producir planta para posibles futuras accións de restauración e revexetación, especialmente na primavera.

Todas as persoas participantes recibiron previamente a formación necesaria para o desenvolvemento deste tipo de traballos, a través dun ciclo de charlas impartidas por varias especialistas, investigadoras e profesionais en materia de restauración ambiental. En concreto, María Xosé Sanjurjo, profesora de edafoloxía na EPSE-USC, abordou os efectos dos lumes no solo; Carme Míguez, xefa do Departamento Agroforestal no IES Cidade de Antioquía, compartiu a súa experiencia na recollida e conservación de sementes; e Montserrat Díaz-Raviña, doutora en Bioloxía e investigadora na Misión Biolóxica de Galicia, e Daniel Rivadulla, enxeñeiro técnico forestal e membro da Fndación CIUDEN, instruíron o voluntariado de ADEGA sobre as diferentes técnicas de protección do solo tras os lumes forestais, como o mulching ou as barreiras de sedimentos.

Agradecemento ao voluntariado

A asociación ecoloxista quere agradecer primeiramente o traballo, a calidade humana e a confianza depositada en ADEGA por parte de todas as persoas voluntarias que fixeron posible esta gratificante experiencia, así como a implicación dos cinco concellos de Valdeorras que colaboraron na acción simultánea mediante a dotación do material necesario, da manutención e do aloxamento nos seus equipamentos municipiais.Agradecemento persoal aos alcaldes e alcaldesas, María González (A Rúa), Tino Alonso (O Barco), Miguel García (O Bolo), Enrique Álvarez (Vilamartín) e Raquel Bautista (Petín), e tamén aos albergues e pensións que acolleron o voluntariado. 

Pola parte do Concello da Rúa, grazas a José, peón municipal, pola súa disposición e dilixencia, e a Nabor, de Protección Civil, polo seu apoio. Agradecemento tamén á pensión Fabio pola excelente atención prestada. NoBarco, ADEGA quere recoñecer a colaboración do persoal de Protección Civil, así como o incansable traballo de Michael Borges, Nini e o seu fillo durante todo o día, e ao alcalde, Tino Alonso, que tamén colaborou nos traballos de restauración canda ao voluntariado.

En Petín, o noso agradecemento vai para José Benito e a equipa de Protección Civil, e en Vilamartín, para o profesor da Universidade de Vigo, Javier Montalvo, que puxo ao servizo da actividade o seu todoterreo para transportar o material e facilitar o traballo no monte. Na Veiga, grazas a Juanjo Lorenzo e a Mónica Rodríguez pola súa xenerosidade e dispoñibilidade e por desvelarnos unha das xoias naturais ocultas do Xares; así como a Manu e a Mar pola súa acollida e apoio no traslado da palla e do voluntariado. 

A entidade ecoloxista subliña finalmente que este tipo de iniciativas «amosan o potencial do voluntariado galego como ferramenta esencial na restauración hidrolóxica e ecolóxica das zonas calcinadas do país». Apela a Xunta, as confederacións e as deputacións privinciais a promover un voluntariado galego para a restauración hidrolóxica e ambiental das zonas queimadas que teña un carácter único, que integre a participación das entidades sociais organizadas con capacidade para exercer labores de xestión, formación e sensibilización do voluntariado, como é o caso de ADEGA; e que sexa permanente ao longo do ano, non só para labores urxentes, senón tamén para o seguimento, vixilancia e prevención, e sensibilización e concienciación da poboación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios