O Celta sumou o seu sexto punto en tres partidos na fase de grupos da Liga Europa. A escuadra galega impúxose ao Nice, que saíu de Vigo sen conseguir sumar o primeiro na competición. Iago Aspas, que se converteu no xogador con máis partidos na historia do Celta (534), abriu o marcador cun golazo, pero o choque volveu ao empate cun acerto de Cho. O visitante Clauss foi expulsado antes do descanso. No segundo tempo, cun home máis, o Celta dominou o xogo e marcou por medio de Borja Iglesias.
O golazo de Iago Aspas non abonda para gañar no descanso
Giráldez e Haise presentaron dous onces con algúns menos habituais. Nos locais, Sergio, Miguel e Hugo Álvarez estreábanse en competición europea. Logo de confirmarse a titularidade de Iago Aspas, o celtismo preparouse para algo tan histórico como era presenciar o seu partido 534 como celeste. Ninguén xogou máis ca el co emblema da cruz de Santiago. O de Moaña non demorou en celebralo con todo Balaídos cun disparo desde 25 metros imposible para Diouf. Non se alcanzara o segundo minuto e o Celta adiantábase ao Nice.
Dous debuxos parecidos, cos tres centrais, catro medios e tridente ofensivo, pero con desigual homoxeneidade. O Celta estaba máis axustado e o cadro galo mostraba fendas que permitiron aos galegos dar máis profundidade ao seu fútbol.
Co partido equilibrado desde o décimo minuto, Abdul Samed viu o desmarque polo centro de Cho, serviulle un pase vertical e o punta cruzou lonxe do alcance de Radu ao cuarto de hora.
O gol asentou o xogo do Nice, que perdoou a virada nun remate de Abdi diante de Radu. O meta desviou antes de deter o remate de Bah, que cabeceou o saque desde o recanto no corazón da área aos 22 minutos.
O Celta só tiña obreiros no centro, algún demasiado novo, e faltaba talento para organizar o xogo. Aspas percibiuno e permutou nalgunha xogada con Miguel.
Ao fío da media hora, aproveitando unha falta lateral, Starfelt incorporouse ao ataque para cabecear polo centro desde o punto de penalti. Diouf, con axilidade e reflexo, puido rexeitar.
O Celta recuperou o control e unha posesión de case dous minutos foi fechada por Iago Aspas cun disparo por riba da trabe.
No minuto 37 o Nice ficou con dez. Clauss, durísimo desde o comezo, que xa fora advertido e noutra falta vira o cartón amarelo, debeu deixar o campo ao derrubar innecesariamente a Sergio cando o carrileiro aínda non saíra da súa parcela defensiva.
Dous que hai un ano estaban no Fortuna, Manu e Miguel, probaron sorte con disparos desde a frontal antes do minuto de engadido do primeiro tempo. O do ferrolán foi alto e o do gondomarense acariñou a base do pau dereito da meta de Diouf.
Borja Iglesias rebenta o frontón francés
O Celta saíu dominador na segunda parte. Hugo Álvarez, desconectado na primeira, deixou o seu lugar a Borja Iglesias. No Nice entrou Mendy polo goleador, unha substitución defensiva tendo en conta a inferioridade numérica. O defensa viu o amarelo na súa primeira acción.
Un gol anulado e fútbol de asociación dos galegos fronte ao repregamento intensivo de Nice, que se apertaba nun 1x5x3x1 nun cuarto de campo. No minuto 57, Bard tocou un centro de Borja Iglesias. A pelota foi contra a rede, pero por fóra. No 59, Bryan tentouno cunha rosquiña desde a frontal que se perdeu polo fondo. Outro centro del foi mal despexado por Oppong. O córner foi rematado ao pau por Borja Iglesias.
No minuto 62, Pablo Durán correu contra Diouf por un balón en profundidade. Chegou antes que o meta, driblouno pero o seu disparo sacouno Abdi a un metro da liña de gol.
Seis máis tarde, unha cesión de Manu para a volea de Aspas acabou entre as luvas de Diouf,
O Nice defendía xa ao borde da súa área cando Diouf rexeitou un disparo de Bryan e Bah, co peito, o rexeite que caera aos pés de Aspas.
A parede do frontón rebentouna Borja Iglesias a pase de Marcos Alonso. Había tan poucas distancias que o partido parecía de fútbol sala. O compostelán pisou a pelota, enganou ao defensor e disparou ante o meta. Un defensa chegou a tocar o coiro, pero este entrou pegadiño ao pau, a media altura. Facíase xustiza.
Pouco despois, co público en pé, Bryan deixou o seu lugar a Cervi. O malagueño era recoñecido polo seu mellor partido desde que chegou a Vigo e o arxentino gozaba dos seus primeiros minutos oficiais da temporada.
O encontro rematou cos franceses ao ataque, forzando tres saques de esquina co seu gardarredes subindo á área celeste,
Ficha
XOVES 23/10/2025 (21,00) Campo: BALAÍDOS (20.631)
R.C. CELTA : 2 – O.G.C. NICE : 1 (1‑1)
CTA : Radu; Manu, Starfelt, Marcos Alonso; Sergio (Mingueza 71’), Miguel, Beltrán (Hugo Sotelo 71’), Hugo Álvarez (Borja Iglesias D); Iago Aspas, Pablo Durán (Javi Rueda 65’), Bryan (Cervi 77’). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Javi Rodríguez; Carlos Domínguez; Ristić; Javi Rueda; Moriba; Damián; Jutglà).
NIC : Diouf; Oppong, Bah, Bard; Clauss, Louchet (Boga 81’), Abdul Samad, Abdi (Tiago Gouveia 69’); Cho (Mendy D), Kevin Carlos (Nguene 81’), Sanson (Vanhoutte 69’). Tre. Frank Haise. (Banco: Zelazowski (g); Dupé (g); Diop; Jansson; Ndombélé; Coulibaly; Monteiro).
Goles: 1-0 Iago Aspas 2’; 1-1 Cho 16’; 2-1 Borja Iglesias 75’.
Árbitro: Van der Eijk (Países Baixos). Auxiliares: Bluemink e De Groot. 4º árb.: Nagtegaal.
VAR: Higler. AVAR: Martens.
Disciplina: CA:Mendy 47’; Bard 65’; Manu 79’ // DA: Clauss 29’ e 37’.