O BNG logra incorporar o respecto aos dereitos lingüísticos e a accesibilidade ao Proxecto de Lei de Atención á Clientela

Néstor Rego explica o acordo acadado para respectar os dereitos lingüísticos e garantir a atención en galego nas empresas que operan na Galiza.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de conseguir a incorporación de diversas melloras ao Proxecto de Lei de atención á clientela após un acordo coas forzas políticas que compoñen o Goberno do Estado. As achegas do BNG melloran de forma substancial o texto lexislativo garantindo o respecto aos dereitos lingüísticos das persoas usuarias e consumidoras, a accesibilidade e unha mellor atención ás máis vulnerábeis.

O deputado Néstor Rego valora positivamente as achegas do BNG incorporadas ao texto lexislativo xa que “permítese avanzar cara a un modelo de atención máis humano, accesíbel e adaptado á realidade das persoas consumidoras, especialmente aquelas persoas usuarias máis vulnerábeis”.

Recoñecemento dos dereitos lingüísticos da clientela e formación

O texto, por iniciativa do BNG, recolle a obriga das empresas de atender e responder “as consultas, queixas, reclamacións e incidencias” na mesma lingua en que se fixo a comunicación inicial. “Recoñécese por lei os dereitos lingüísticos das persoas consumidoras e usuarias que falen linguas oficiais diferentes do castelán, como é o caso do galego, garantindo que a atención poida prestarse nesa mesma lingua oficial” subliña.

“As empresas tamén deberán asegurar que os servizos de atención á clientela dispoñan dos medios humanos, técnicos e organizativos necesarios para garantir o uso das linguas oficiais do Estado, sexa cal for o modo en que se preste o servizo” engade o deputado do BNG no Congreso sobre outra das achegas da formación nacionalista.

Así mesmo, o deputado do BNG destaca que a lei recollerá que o persoal encargado da atención á clientela terá que contar con formación específica previa nos idiomas oficiais. “As empresas serán as responsábeis de proporcional ao seu persoal a formación e capacitación continuada que for necesaria para adaptar os seus coñecementos sobre a actividade ás linguas oficiais, ás variacións tecnolóxicas e ás necesidades do mercado” recolle o texto lexislativo.

Do mesmo xeito, esta formación tamén se prestará aos traballadores e traballadoras encargados da atención á clientela para persoas con algún tipo de discapacidade, maiores ou en situación de vulnerabilidade.

Protección dos e das traballadoras das empresas

“As empresas deberán implantar un novo sistema para medir o grao de satisfacción da clientela con criterios de accesibilidade universal e tecnolóxica contando co sistema de vídeo interpretación Svisual e un sistema alternativo de mensaxe escrita instantánea accesíbel” enfatiza o deputado do BNG no Congreso.

Esta medida, explica Néstor Rego, alén de garantir a accesibilidade de todas as persoas consumidoras e usuarias, protexe as traballadoras e traballadores xa que se diferenciarán as causas de insatisfacción.

Co BNG, o galego avanza

Estas melloras, impulsadas polo BNG, supoñen un avance substancial na defensa dos dereitos lingüísticos, da igualdade e da accesibilidade, incorporando á lexislación estatal principios que recoñecen a diversidade lingüística e a protección das persoas consumidoras.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliña que estas modificacións “garanten que a cidadanía galega poida exercer os seus dereitos lingüísticos nas relacións de consumo, sen ser discriminada pola lingua, e avanzan cara a un modelo de atención máis humano, accesíbel e respectuoso”.

As aportacións do BNG xa están recollidas no texto aprobado pola ponencia do Congreso e entrarán en vigor unha vez que a lei sexa aprobada polas Cortes do Estado.Con todo, o BNG avanza que aínda queda moito por negociar e que mellorar neste Proxecto de Lei e mantén cautela á hora de decidir o voto final.

Comparte éste artículo
No hay comentarios