O PP de Lugo reclama que o proxecto da rúa Milagrosa inclúa a renovación  da rede de saneamento

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao vindeiro pleno unha proposición para que o goberno local, na obra de humanización que se está a levar a cabo na rúa Milagrosa, no tramo entre as rúas Mallorca e Minguillón e na que se inviste preto de medio millón de euros, atenda as achegas dos veciños que reclaman que se resolvan os problemas de saneamento que veñen sufrindo dende hai tempo.

Os populares entenden que “se debería aproveitar cada intervención que se fai para mellorar os servizos e non limitarse a un lavado de cara”. Segundo proxecto do Concello para humanización da rúa Milagrosa se colocará pavimento novo sobre o xa existente, e só está prevista a apertura de zanxas para colocar o cableado da electricidade e alumeado mantendo a rede actual de saneamento e limitándose a reparacións puntuais nela.

Desde o PP consideran que este tipo de obras deberían planificarse coa participación veciñal, escoitando as súas prioridades para evitar que, dentro de poucos anos, haxa que volver levantar a rúa para arranxar o que agora se ignora.

Coa idea de conseguir que a área de mobilidade rectifique o Partido Popular manterá un encontro veciñal o vindeiro mércores 29 de outubro ás 12.30 horas á altura da Cafetería O Lagar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios