Suba do lixo en Arteixo: O PSdeG esixe frear o 28% ata que o PP cumpra as promesas ambientais

Denuncian que un ano despois da aprobación da nova ordenanza, o goberno local non puxo en marcha nin un só dos programas de bonificación ambiental comprometidos, facendo que a veciñanza pague máis sen recibir mellores servizos.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno de outubro unha moción para paralizar a suba do 28% na taxa do lixo aprobada polo Partido Popular o pasado ano, ata que o goberno local cumpra coa implantación dos programas de incentivo ambiental que prometera á veciñanza e ás actividades económicas do concello.

A subida da taxa dunha vivenda tipo de 49,63 euros a 63,54 euros semestrais, debía ir acompañada de bonificacións de ata o 15% para fogares que participasen en programas de compostaxe ou separación de fracción orgánica, e de entre o 5% e o 12% para comercios que se implicasen en accións de reciclaxe e sustentabilidade. “Porén, un ano despois da aprobación da ordenanza, nada se fixo”, afirma o portavoz socialista, Martín Seco,”non hai programas en marcha, non hai campaña informativa e a cidadanía descoñece totalmente como participar neles”.

“O PP de Arteixo vai facer que a veciñanza pague case un 30% máis polo lixo sen recibir ningún beneficio nin mellora ambiental”, denuncia Seco, quen acusa ao goberno local de “mala xestión e improvisación”.

Os socialistas lembran que no rural seguen sen instalarse colectores específicos para a separación de residuos, nin se puxo en marcha o programa de compostaxe individual comprometido. Do mesmo xeito, nos barrios urbanos non existe o sistema de peche e control dos colectores de materia orgánica, polo que non hai forma de avaliar nin incentivar un comportamento responsable da veciñanza.

O PSOE de Arteixo tamén alerta da falla de programas reais de reciclaxe para o comercio local, outra promesa incumprida que deixa sen efecto as bonificacións aprobadas.

“Non se pode seguir enganando á cidadanía: o goberno do PP prometeu un sistema de incentivos verdes e o único que fixo foi subir impostos sen ofrecer solucións”, engade Seco.

Na moción, o Grupo Socialista solicita tres medidas concretas:

  • Paralizar a suba da taxa do lixo ata que se implanten os programas de incentivo ambiental prometidos.
  • Poñer en marcha de inmediato eses programas, tanto para vivendas como para actividades económicas.
  • Lanzar unha campaña de información e captación de participantes, para que a veciñanza saiba como acceder ás bonificacións e colaborar nunha xestión sostible dos residuos.

“Arteixo merece unha política ambiental seria, participativa e planificada, non parches nin anuncios baleiros”, conclúe o portavoz socialista

Comparte éste artículo
No hay comentarios