Gómez Besteiro sentencia: “Cada hectárea queimada este verán leva a sinatura da inacción do PP”

Galicia volveu arder este verán, e faino cada ano con máis forza. Para o PSdeG, esta realidade non é un destino escrito, senón a consecuencia directa de decisións políticas erradas e dunha ausencia crónica de planificación. Con esa idea de fondo naceu hoxe “A Galicia que Arde”, a primeira sesión do ciclo Diálogos con Raíz, que arrinca a súa nova edición centrada nun dos maiores desafíos do país: os incendios forestais.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou a xornada cunha intervención chea de intención: “Os incendios non son unha maldición inevitábel nin unha tradición do verán galego. Son o resultado da inacción política, do abandono do territorio e de décadas sen unha estratexia seria para o monte”.

Besteiro advertiu de que a loita contra o lume “non se gaña só cos heroes que arriscan a vida cada setembro” e reclamou unha transformación profunda nas políticas forestais: “Non abonda con chegar  a apagar incendios. Hai que actuar todo o ano, investir en prevención, garantir contratos estables e facer do monte galego un espazo vivo, produtivo e coidado”.

O líder socialista cargou contra a actitude do Goberno galego, ao que acusou de “pretender pasar páxina cada setembro” con anuncios baleiros e medidas improvisadas. “Galicia merece algo mellor que propaganda institucional mentres o país se queima. É hora de poñer a terra no centro da política”, afirmou.

A xornada deixou clara unha conclusión compartida: a prevención, a planificación a longo prazo e a revitalización do rural son a única vía eficaz para frear a escalada dos incendios.

Besteiro puxo tamén o foco na situación do rural galego e no impacto que décadas de abandono tiveron sobre o territorio: “En Ourense, por exemplo, nos últimos 50 anos perdéronse máis de 140.000 habitantes, e só nas dúas últimas décadas desapareceu o 30 % da capacidade agraria e gandeira da provincia. É como se se evaporase unha parte esencial da nosa riqueza.

Todo iso ten que ver coa falta de planificación e coa ausencia de políticas que dean futuro ao rural. Se non miramos cara ao territorio dun xeito diferente, seguiremos condenados a que o monte arda e a que Galicia perda o seu potencial máis valioso”.

O encontro, que contou con máis de medio cento de asistentes, reuniu a un panel de expertos e voces de referencia no ámbito forestal, ambiental e social. Participaron o profesor da Universidade de Vigo Juan Picos, especialista en Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente; o bombeiro da BRIF de Laza Cristóbal Medeiros; a gandeira e voluntaria Marina Vaz; o presidente do Instituto Galego de Terras en Man Común Claudio Quintillán; o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias Jacobo Feijóo; e a presidenta da Asociación de Enxeñeiros/as Forestais da Xunta de Galicia Raquel Carreira.

O debate foi moderado por Ávaro Vila, secretario provincial do PSdeG en Ourense  e a deputada autonómica Carmen Dacosta, que guiaron as conversas e facilitaron a participación do público, contribuíndo a que o encontro fose un espazo vivo e enriquecedor de ideas e propostas.

Con “A Galicia que Arde”, Diálogos con Raíz arranca un novo ciclo de debates que porá o foco nos grandes temas que afectan á cidadanía, coa vontade de abrir espazos de reflexión e propostas reais para construír unha Galicia máis xusta, sostible e preparada para o futuro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios