Todo está preparado para recibir unha nova edición de Vegana.gal, a feira galega dedicada ao consumo responsable, o respecto interespecie e a vida sostible, que se celebrará este sábado 25 e domingo 26 de outubro no IFEVI. Durante dous días, o recinto converterase nun gran espazo de encontro, festa e aprendizaxe, aberto a todos os públicos e con actividades para todas as idades.
A entrada xeral ten un prezo de 5 euros se se adquire con antelación e de 7 euros no despacho de billetes. As persoas con diversidade funcional, en situación de desemprego ou maiores de 65 anos contan cun desconto especial, mentres que a entrada é gratuíta para menores de 12 anos. A feira abrirá o sábado de 10:00 a 21:00 h e o domingo de 10:00 a 20:00 h.
O público asistente atopará case cen casetas de alimentación 100% vexetal, moda e calzado sostible, cosmética sen crueldade animal e proxectos que amosan que o cambio cara a un mundo máis consciente é posible e está en marcha.
Non faltarán as demostracións culinarias, as charlas sobre antiespecismo, educación e nutrición baseada na evidencia científica, nin tampouco os obradoiros solidarios, cuxos beneficios se destinan integramente a apoiar santuarios e asociacións de protección animal. Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles para estas actividades, que inclúen xoiería sostible, bordado, diademas de flores e botiquín natural.
A feira contará tamén co Bingo Solidario, que promete diversión, premios e moita solidariedade, e cunha programación infantil chea de creatividade, con circo, contacontos, obradoiros de xabóns e horta sostible, e o sempre agardado Mini Vegan Chef.
Vegana.gal é un espazo para convivir, gozar e inspirarse, con ambiente familiar e festivo, onde cada visita é tamén un pequeno xesto de cambio. Como lembraba Jane Goodall, “o que fas marca a diferenza, e tes que decidir que tipo de diferenza queres facer”.
A feira Vegana.gal 2025 conta co patrocinio do Concello de Vigo, a Fundación Vigo Convention Bureau e Vanetta Food.
Info práctica:
- Datas: 25 e 26 de outubro | Lugar: IFEVI, Vigo
- Horario: sábado de 10 a 21 h | domingo de 10 a 20 h
- Entradas e inscricións aos obradoiros solidarios: vegana.gal
- Programa completo: vegana.gal/programa2025
- Programa completo IG: https://www.instagram.com/vegana.gal/
Fotos de Iván Eiroa 2024