O PP presenta en Lugo o Plan  Integral de Autónomos e recolle a demanda dun marco fiscal xusto para os autónomos

Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- mantiveron unha reunión co presidente da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas APE Galicia, José Ramón Caldas; os vicepresidentes por Lugo, Luis Abelleira, e Pontevedra, Silvia Crespo, e o secretario da Asociación provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (APREVAR), Luis Montouto, para coñecer de primeira man as demandas dos autónomos e pequenas empresas que reclaman “un marco fiscal xusto” para o colectivo e trasladarlles o apoio do PP da provincia.

Os populares rexeitan unha nova suba de impostos aos autónomos que supón “un castigo do Goberno de Sánchez de especial impacto para a nosa provincia” xa que en Lugo, lembran, hai entre 38.000 e 39.000 autónomos.

Ante a importante fiscalidade, cotización e burocracia á que se teñen que enfrontar os pequenos empresarios, os populares apuntaron que “non é xusto que o Goberno de Pedro Sánchez asfixie a quen traballa” porque “a nosa economía sostense sobre o esforzo de miles de autónomos que cada día levantan o país”.

Entre as demandas trasladadas polos representantes de APE Galicia atópase a necesidade de manter unha canle de comunicación cos autónomos da provincia ou traspoñer a Directiva Europea e aplicar o IVA franquiciado (como xa recolle a proposta do Partido Popular) que beneficiaría a máis do 50% dos autónomos na provincia de Lugo, entre 18.000 e 19.000 lucenses.

PLAN INTEGRAL DE AUTÓNOMOS

Os senadores aproveitaron para presentar en Lugo o Plan Integral de Autónomos do Partido Popular e lembrar que o Grupo Popular fixo uso da súa maioría absoluta no Senado para aprobar unha iniciativa coa que esixir ao Goberno de España unha serie de medidas para mellorar o traballo dos autónomos e que se centran en tres eixos: baixar impostos, reducir a burocracia e garantir a formación e o relevo xeracional.

Algunha das medidas concretas que recolle o Plan Integral do Autónomo presentado por Alberto Núñez Feijóo son a exención do pago do IVA aos autónomos con ingresos inferiores aos 85.000€ anuais (como recolle a Directiva Europea), pasar dunha declaración por trimestre a unha anual, ampliar a figura de autónomo colaborador aos non familiares en caso de sucesión e crear o contrato ‘El autónomo forma’, “un contrato co que terá todas as vantaxes do aprendiz sen a burocracia do contrato de formación”.

A proposta do Partido Popular recolle tamén a flexibilización dos  requisitos da prestación por cese de actividade e aprazamento de cotas, a devolución de maneira automática e sen dilación dos excesos por sobrecotización dos traballadores en pluriactividade de exercicios previos, o impulso do relevo xeracional coa transmisión de negocios xa existentes sen sucesión; a ‘Universidade dop Autónomo’ para fomentar a cultura do emprendemento e apoiar na creación da primeira empresa ou negocio; simplificar trámites administrativos e adoptar medidas para que os autónomos con dereito a pensión que teñan débedas coa Seguridade Social poidan acceder a cobrar a pensión que lles corresponde.

RECTIFICACIÓN PARCIAL

Os senadores do PP tamén sinalaron que “unha vez máis o Goberno de Sánchez cando rectifica, acerta” despois de que se volvera atrás coa aplicación das novas cotas de autónomos. “Con todo é unha rectificación parcial”, explican os populares.

“A proposta que o Goberno Sánchez puxo encima da mesa hai uns días supoñía subidas de ata 2.500 euros ao ano na cota anual. A nova proposta, conxela as cotas a un reducido número de autónomos e sóbena un 2,5% ao resto do colectivo. Esta rectificación do Goberno, non nace da convicción, senón da presión dos autónomos e da oposición. Pero nin era bo antes, nin é bo agora.”

Todos estes bandados evidencian “a incompetencia dun Goberno que non pensa na xente e, moito menos, nos traballadores. Para Sánchez, para a esquerda, cando falta diñeiro, o primeiro peto ao que mirar é sempre o do autónomo”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios