O Colectivo das Pedras Galladas, que promove iniciativas arredor da cultura, o patrimonio e a ecoloxía, continúa creando espazos para dar voz a proxectos locais con conciencia social e compromiso.
Culleredo acolleu o pasado luns, 27 de outubro de 2025, a presentación do poemario Un tal. Tulipán. Amor. Locura. da autora local Daniela Val Filgueiras, nun acto organizado pola Asociación das Pedras Galladas e celebrado no auditorio dos Servizos Múltiples do Burgo, grazas á cesión do espazo por parte do Concello de Culleredo.
A presentación contou coa participación de Nel Vidal Barral, profesor de lingua galega e quen fora docente de Daniela, que acompañou a autora nunha conversa chea de emoción. O encontro reuniu numeroso público, especialmente xuventude, nun ambiente conmovedor e cargado de enerxía.
Ao longo da conversa, Daniela falou sobre a súa relación coa escrita e coa arte, compartindo reflexións sobre a vida, a perda, a familia, a superación do seu TCA(trastorno da conduta alimentaria)e o que a poesía lle aportou en cada momento, nos máis bonitos e nos máis escuros, na perda da identidade e na recuperación do seu ser. En cada poesía vemos a Daniela, a diferentes Danielas, porque o tempo e a vida pasan, e cada momento, cada relación, queda, como di ela, con nós, e todas, dalgunha maneira, axudaron a construír a muller que é agora, e que seguirá cambiando.
A autora explicou que comezou a escribir “non para axudar a ninguén, senón para entenderse e entender o mundo”, e recoñeceu que “a arte foi un salvavidas para min; escribir foi terapéutico”. Tamén destacou a importancia da música como parte inseparable da literatura, asegurando que para ela “non hai unha sen a outra”. Destacou a figuras que a inspiraron, como Lorca, pero tamén docentes, amigas, familia… Non queremos adiantarvos nada, porque o seu é ler Un Tal co corazón aberto ao que veña, pero non perdades a oportunidade de desfrutar, as veces con lágrimas, destes poemas.
Durante o acto, Daniela leu un dos seus poemas máis queridos, “Para mi compañera de vida”, e compartiu voz con amigas e profesoras que participaron lendo algúns dos seus poemas favoritos do libro, creando un momento íntimo e cheo de emoción.
Como destacou Nel Vidal, o libro de Daniela é unha mostra máis de que a adolescencia brilla, e que a madurez e sensibilidade da obra, a alma aberta coa que a autora se ofrece ás lectoras e lectores, fan deste poemario unha lectura que inspira, emociona e seguro que a máis dunha persoa lle axudará a entenderse. Un libro que, sen pretender selo, converterase sen dúbida nunha inspiración e apoio para moita xente e deixará fonda pegada en quen se achegue ás súas páxinas.
Dende As Pedras Galladas valorouse moi positivamente a resposta do público e a forza dunha voz nova dunha muller que, con sinceridade e sensibilidade, fala de temas tan transcendentais, especialmente no contexto social actual. A asociación continúa así o seu camiño de acción cultural, tras organizar tamén neste mes de outubro o obradoiro “Cometas por Palestina” en Vila Melania (Vilaboa), unha actividade solidaria na que participaron pequenos e maiores, compartindo mensaxes de xustiza e esperanza a través da arte.