Un penalti de Gorostidi, o primeiro da morte súbita, clasificou ao Racing para a segunda eliminatoria da Copa de España. Os verdes derrotaron ao Langreo no desempate desde os once metros, logo que os noventa minutos e a prórroga remataran sen goles e cun penalti no que Torre adiviñou o lado escollido por Álvaro cando ía o primeiro minuto do tempo extra.
Dominio racinguista e poucas ocasións
O Racing viaxou á Felguera para abrir e súa quincuaxésima novena participación na Copa de España. O rival, o Langreo, adicto ás sorpresas de xeito intermitente nesta competición, viña de lograr a primeira vitoria ligueira da temporada diante do Astorga, no primeiro grupo da Segunda Federación.
O conxunto galego controlou o partido desde o comezo. Malia todo, e logo de dous saques de esquina lanzados por Peña, a primeira ocasión demorou catorce minutos. Foi unha internada e disparo de Saúl, que rexeitou Torre, a figura do choque.
Aos 24 minutos, Azael encamiñou unha contra polo carril do 10. Non atopou o pase adecuado á súa esquerda e, cando chegaba á frontal da área, xutou polo centro para que Torre chapara o coiro sen dar opcións a un segundo disparo.
Superada a media hora probou Dacosta. O ourensán, perto da frontal, pero dentro da área, golpeou cruzado para ver como Torre, nunha cómoda estirada, agarraba a pelota.
Lucas, que se estreaba en partido oficial co Racing, non tivo que replicar ofensivas locais até o minuto 38. Un afastado xute de Lucas foi ás súas luvas, perto da trabe. Tres despois, nunha contra organizada por Orviz, limitouse a ver como o disparo en condución de Guerrero desviábase cada vez máis da escuadra.
O primeiro tempo rematou sen moito que relatar.
Dominio estéril leva á prórroga
A segunda parte non variou o mirado até entón. Aos catro minutos, Torre embolsou outro disparo polo centro de Dacosta. Pasados outros catro, Pablo Maya non chegou a un centro de René Reyes na área racinguista. O Langreo animouse e René Reyes, tentando a acción individual en tres cuartos, cedeu para Liam, que desde a longa distancia colocou un disparo atallado por Lucas.
No minuto 57, unha combinación entre Saúl e Dacosta permitiu liberar a Azael, que rematou o ataque cruzado para que chapara Torre. O encontro gañaba ritmo baixo os maltreitos focos con lembranza a minas do Nuevo Ganzábal.
O xute máis perigoso do Langreo foi obra de Guerrero aos 70 minutos. Déronlle distancia fóra da área, aliouse co bote e, a rentes do mesmo, Lucas lanzou as mans para desviar pola liña de fondo.
O Racing respondeu cunha posesión longa, Gelardo tivo a opción de disparo e mandou o coiro á trabe. Álvaro beneficiouse do rebote, pero presionado por un defensa, completou cunha cabezada que non foi gol polo rectificado de Torre baixo os paus.
Tamén David Ámez colaborou nas funcións defensivas con eficacia. No minuto 82. o central roubou un remate no segundo pau a Álvaro, mandando a pelota polo fundo.
Pablo Pérez puido inclinar a eliminatoria para os unionistas no minuto 88. Cabeceou fronte a Lucas un centro de René Reyes, pero o racinguista chapou no centro.
Igual puido acontecer na área local no prolongamento. Alvaro Juan atacou un centro de Azael e o balón voou por riba da trabe.
Prórroga e penaltis
O comezo da prórroga foi intenso. Aos vinte segundos, Azael fixo todo para chegar á área, cedeu a Álvaro, que cando disparou foi derrubado por Pablo Pérez. O de Elxe lanzou o penalti e Torre desviou. Tras o saque de esquina, Álvaro rematou de cabeza e o meta asturiano salvou de novo.
O partido xogábase na parcela defendida polos locais. No 101, Álvaro, liberado na área, tentouno cun balón raso ás mans de Torre, que xa lle tiña comido a moral. O segundo tempo da prórroga deixou ao Racing con máis balón e poucos argumentos para atopar unha finalización. Nin Jairo, outras veces inspirado, puido deixar pegada no tempo que pisou o sintético langreano.
Os locais apostaron pola resolución a penaltis e case lles sae ben porque estiveron sempre por diante até a morte súbita, cando errou Pablo Pérez e anotou Gorostidi, colocando ao Racing na segunda eliminatoria.
Ficha
MARTES 28/10/2025 (19,30) Campo: NUEVO GANZÁBAL (600)
U.P. LANGREO : 0 – RACING C. FERROL : 0 (0-0) 0-0 [3-4]
LAN : Torre; Zapico (Nacho López 78’), David Ámez, Dani Ojeda, Liam; Omar (Samu 89’), Orviz (Iván 78’), Lucas, René Reyes (Enol 110’); Pablo Maya (Pablo Pérez 64’), Guerrero (Álex Menéndez 89’). Tre. Pablo Acebal. (Banco: Denisov (g); Pablo Rodríguez).
RAC : Lucas; Mardones, Artetxe, Chema, Saúl (Álvaro Ramón 63’); Peña (David 69’), Gelard (Gorostidi 80’), Azael (Jairo 104’); Álvaro Juan, Escobar (Álvaro 69’), Dacosta (Concha 80’). Tre. Pablo López. (Banco: César (g); Leal; Edgar; Tejera; Pascu).
Goles: (Ptis) 1-0 Álex Menéndez; 1-0 Jairo (poste); 1-0 Samu (alto); 1-1 Concha; 2-1 Enol; 2-1 David (rexeita Torre); 2-1 Lucas (desvía Lucas); 2-2 Álvaro; 3-2 Liam; 3-3 Chema; 3-3 Pablo Pérez (rexeita Lucas); 3-4 Gorostidi.
Árbitro: Cueto Amigo (Castela e León). Auxiliares: López Candanedo e Martín Redondo. 4º árb.: Vega Portilla.
Disciplina: CA: David Ámez 27’; Orviz 52’; Álvaro Ramón 64’; Pablo Pérez 91’; Rene Reyes 108’; Lucas (L) 114’ / Pablo Acebal (tre. LAN) 100’.
NOTAS: 91’ Torre desvía un penalti lanzado por Álvaro,