Sorpresa en Valga: o viaduto de Castiñeiras será «só para coches» malia os anuncios do Concello e Adif

O BNG de Valga manifesta s seu profundo desacordo a que, malia non contar con pasos seguros para as persoas, o Subdelegado do Goberno e o Alcalde de Valga vaian inaugurar unha obra que incumpre o que anunciaran previamente

A ausencia de beirarrúas do novo viaduto sobre a vía do tren de Castiñeiras, o cal veu a substituír ao antigo paso a nivel, chegou ao Congreso e ao Senado. Mediante preguntas dirixidas ao Ministerio de Transportes e formuladas polo deputado Néstor Rego e pola senadora Carme da Silva, o BNG rexistrou esta iniciativa na que se instaba a Adif para que dotase a esta nova ponte de beirarrúas e espazos seguros para o desprazamento peonil.

Malia que o Ministerio de Transportes e Adif anunciaran publicamente, en diferentes notas de prensa, que esta actuación tiña como obxectivo mellorar “las condiciones de seguridad, tanto para el tráfico peatonal, como para el viario y el ferroviario”; e que o propio Concello de Valga, responsable último da aprobación do proxecto, tamén anunciase en múltiples ocasións a construción de beirarrúas, nada disto era real. A resposta do Ministerio de Transportes ao BNG confirma que en ningún momento se contemplaron medidas para o desprazamento peonil seguro, malia os múltiples anuncios, pois o proxecto construtivo, aprobado polo Concello de Valga, “no contempla aceras ni pasos de peatones en todo el acceso a la estructura”.

Tal como se describiu anteriormente, Ministerio de Transportes, Adif e Concello de Valga levan difundindo desde o inicio do procedemento que o novo viaduto contaría con beirarrúa e varandas, co obxectivo de garantir a circulación segura das persoas. Porén, o resultado final non cumpre co

anunciado, convertendo unha actuación que debería mellorar a seguridade das persoas, nunha obra pensada unicamente para o tráfico rodado.

Desde o BNG de Valga ínstase novamente ao Ministerio de Transportes, Adif e ao Concello de Valga a revisar o proxecto e dotar ao viaduto das beirarrúas e pasos peonís que se anunciaran, tal e como figuraba no convenio asinado en 2022, que establecía a eliminación dos pasos a nivel e a creación de accesos seguros tanto para vehículos como para persoas.

O BNG de Valga manifesta s seu profundo desacordo a que, malia non contar con pasos seguros para as persoas, o Subdelegado do Goberno e o Alcalde de Valga vaian inaugurar unha obra pública de case catro millóns de euros que incumpre o que anunciaran previamente Ministerio de Transportes, Adif e Concello de Valga, e que finalmente recoñeceron que este novo viaduto foi deseñado exclusivamente para vehículos, sen beirarrúas nin pasos peonís.

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “é absolutamente inadmisible que unha infraestrutura deste custo e importancia se conciba só para vehículos, esquecendo ás persoas que camiñan. Máis grave aínda cando o Concello e Adif anunciaron publicamente que o proxecto incultura beirarrúas e melloras para a seguridade peonil. Non se pode seguir construíndo infraestruturas públicas que ignoren ás persoas, mentindo ás veciñas e veciños”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios