O Baxi Ferrol deixou resolto en dez minutos o cuarto partido do grupo K da Eurocup. O Benfica non puxo resistencia a un cadro que se permitiu o luxo de incluír ás junior, Baldonedo e Somorrostro, nas rotacións do partido. As dúas incógnitas que faltaban por resolver eran en que momento as galegas chegarían aos cen e cal sería a diferenza final. No outro partido, o Zaglȩbie derrotou ao Ostrava na pista das checas, co que amatemática xa indica que galegas e polacas decidirán o primeiro lugar na derradeira xornada, na que o Baxi as recibirá en Ferrol con sete puntos de vantaxe.
Baxi Ferrol, máis forte, máis rápido, máis acertado
Melia puxo a diferenza ao partido de Lisboa nos compases iniciais. A súa potencia provocou os dous primeiros acertos locais, o segundo cun dous máis un, parafusándose baixo o aro benfiquista. A súa superioridade sobre Soares tamén deuse en defensa, cunha tampa que evitou o acerto dunha contra lusa.
Sánchez-Ramos aproveitou un rebote ofensivo para materializar o segundo dous máis un do equipo en menos de tres minutos. Un minuto e medio despois Joyner aumentaba a diferenza a nove (13-4) e Eugénio Rodrigues pedía o primeiro tempo.
A distancia estabilizouse nos seguintes minutos. As locais seguiron fechando o seu aro cunha defensa eficaz sen precisar de faltas. Erjavec fixo a primeira local case sete minutos despois do salto inicial.
Entre Daniels e Joris encargáronse de agrandar a distancia coas lusas por riba dos dez puntos ao tempo que as encarnadas entraban no bonus. A entrada de Goncalves en pista non aportou, o mesmo que o de Soares, anulada e desde había minutos no banco. Lino López permitiuse incorporar a Baldonedo no derradeiro minuto do cuarto antes que Daniels sumara a segunda tampa.
Máis do mesmo
A junior mantívose no quinteto local que comezou o segundo cuarto, na que tamén entraba Blanca Millán. A superioridade local seguía sendo absoluta en recuperacións, rebotes nas dúas pinturas e só as triplas do comenzo do segundo segmento temporal atrapallaban unha estatística excelente. Goncalves, a quen o aro cuspiulle unha bandexa, anotou de tiros libres os dous seguintes puntos dun Benfica que pasara case dez minutos sen anotar. Logo, Somorrostro substituíu a Baldonedo.
O Baxi Ferrol, mantendo a súa zona, e con cómodos ataques, seguiu abrindo fenda no marcador para rematar coa historia do partido no descanso, por se no cuarto anterior ficaran dúbidas.
Šotolová, creadora de contidos
O Baxi Ferrol ergueu algo o pé no aspecto defensivo, permitindo ao Benfica mellorar as súas limitacións anotadoras dos vinte primeiros minutos. Foi un tempo para gozar do traballo de Šotolová na dirección e nos seus lanzamentos alén dos 6,75. Un erro defensivo, que permitiu a Puc dispoñer dun dous máis un, foi o que decidiu a Lino López parar o encontro durante un minuto. Na volta, a polaca desaproveitou o tiro. A terceira tripla da checa anticipou a súa substitución entre o bater das palmas da Malata polos seus 15 de valoración. O terceiro cuarto rematou cunha tripla de Joris.
Último cuarto para lucimentos ofensivos
O derradeiro cuarto comezou coa máxima vantaxe do partido na que as locais dobraban ás lisboetas con dous libres de Erjavec (82-41). A acción desgrazada tivo como protagonista a Balde, que acabou mancada logo de pelexar a bola con Blanca Millán tras un mal lanzamento da croata. A visitante puido abandonar o pavillón camiñando, mais con molestias no xeonllo. Pasado o ecuador do cuarto, Blanca Millán anotou o punto cen nun lanzamento desde a media distancia (100-49). A 1.43 Lino López decidiu que Baldonedo e Somorrostro xogaran xuntas nunha chiscada á bancada. A primeira anotou dous libres e a segunda errou a tripla a dez segundos do remate. O 29 de Daniels converteuna na MVP do encontro. Tamén foi a mellor anotadora, mellor asistente (4) e bloquedora de lanzamentos benfiquistas (2).
O Baxi Ferrol, tras recibir en liga ao Estepona, viaxa a Ostrava onde xogará o próximo mércores (05/11), ás 19,15 horas.
Ficha
MERCORÉS 29/10/2025 (20,15) Pavillón: A MALATA (1.413)
BAXI FERROL . 109 – BENFICA : 58 (24-6) (50-18) (80-41)
BAX : Šotolová (13), Joiner (8), Sánchez-Ramos (), Rodríguez (6), Melia (9) – cinco inicial – Erjavec (17), Blanca Millán (7), Daniels (19), Somorrostro (0), Baldonedo (2), Joris (15).
BEN : Faustino (6), Bettencourt (7), Fernandes (4), Soares (6), Puc (7) – cinco inicial – Rodrigues (0), Afonso (8), Goncalves (6), Martins (3), Baptista (5), Balde (6)
Árbitros: Dotsenko (Luxemburgo), Williams (Gran Bretaña), Malane (Luxemburgo).
Eliminadas: Non houbo.
Foto: Rodríguez aproveitando un bloque de Melia a Faustino. © 21noticias