Nun igualado partido, os betanceiros suman a terceira fronte a un dos favoritos.
Tocaba recompoñer o equipo tras a contundente derrota do sábado pasado en Salamanca e os xogadores de José Amando “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo” souberon estar á altura para brindar outra memorable tarde de baloncesto no José María Valeiro Iglesias “Tocayo”.
O Ucoga Seguros Chantada, que reforzaba a dirección do equipo coa chegada do base catalán Carlos Montero, formado no Joventut de Badalona, chegaba a Betanzos co imperativo de seguir sumando, para non perder de vista a cabeza da táboa, e os primeiros minutos do partido, cuns acertados Éder Pina e William Burgos, sacaron a relucir a súa candidatura, un ano máis, a poxar polos Play-off de ascenso. Grazas á achega do tándem portugués-paraguaio (o lituano Rumsa non gozou dos minutos doutros partidos) os chantadinos levaron o primeiro cuarto por un 15-21 que, lonxe de inquietar os betanceiros, pouco acertados baixo o aro pola superioridade física rival, serviu de acicate para os seguintes compases.
Porque, a partir dese momento, todos os períodos caeron do lado dun voluntarioso Santo Domingo Betanzos que, pese a volver perder claramente no rebote (29 rebotes fronte aos 42 de Chantada) e sumar un modesto 7/30 no xogo exterior, soubo imprimirlle ritmo ao partido e sumar os tres últimos períodos e saber dosificar a vantaxe nos últimos 4 ou 5 minutos do choque. Bo partido de Abelleira (20 puntos e 22 de valoración), ben secundado polos outros dous membros do “letal” trío exterior do Santo, Dani Martín (20 puntos) e Aarón Gómez (12 puntos e un 50% en tiro de tres) e lección de estar na pista de Luís Portilla, con máis de 38 minutos ás costas, pelexando a cara de can cos pivotes rivais e sumando moitos máis intanxibles ca os 8 puntos, 7 rebotes, 4 balóns roubados e 14 puntos de valoración que lle deron as estatísticas.
Así valoraba o encontro José Amando “Soviético”, o adestrador betanceiro: “Partido moi duro contra un dos firmes candidatos ao Play-off de ascenso. No primeiro cuarto dominaron claramente o partido e o rebote, pero nos tres seguintes, e fundamentalmente nos dous últimos, fomos máis activos ca eles. Aí fixemos un enorme traballo defensivo que nos permitiu ataques controlados e anotar con certa facilidade.”
O capitán betanceiro, un sincero Jorge Abelleira, coincidía en boa medida co seu adestrador. “Partido moi traballado. Xa sabíamos que ía ser difícil, que ían vir por todas, pero ao final, baixando as cachas atrás e correndo, conseguimos sacar o partido adiante. Iso é que fixemos. Confiar na defensa, nos tiros abertos e correr”.
Adestrador e capitán coinciden na dificultade do vindeiro encontro do domingo 2 de novembro en Oviedo. O Santo verase as caras cun equipo de xente moi nova que aspira estar arriba e ao que hai que poñerlle por diante a “veteranía” e a capacidade de sufrimento que caracteriza sempre a este Santo.