Katy Varela explica que en lugar de minimizar a zona verde do parque dos Condes o Concello debería de apostar por unha actuación máis útil e respectuosa coa contorna, como a instalación dunha cuberta ornamental, que permita aos usuarios do parque seguir desfrutando domesmo tamén no inverno, ao abeiro das inclemencias meteorolóxicas.
Dende o Grupo Municipal do PP de Monforteafirman que “non é prioritario” investir 677.000€ na creación dunha fonte ornamental no parque dos Condes, cando “os monfortinos teñen servizos básicos sen cubrir” por parte do Concello.
A voceira do popular, Katy Varela, amosou o seu desacordo co anuncio de Tomé de destinar 677.000€ á construción dunha gran fonte ornamental no parque dos Condes porque “non responde ás verdadeiras necesidades dos veciños de Monforte”.
Katy Varela denuncia que este investimento suporá a eliminación dunha parte da zona verde, moi empregada polas persoas maiores que acoden a diario ao parque “para pasear, desfrutar do seu tempo de lecer e mesmo conversar”.
“En lugar de minimizar a zona verde o Concello debería de apostar por unha actuación máis útil e respectuosa coa contorna, como a instalación dunha cuberta ornamental, que permita aos usuarios do parque seguir desfrutando do mesmo tamén no inverno, ao abeiro das inclemencias meteorolóxicas”, afirmou.
Para a voceira popular, “un investimento tan importante” debería destinarse a mellorar servizos esenciais “e non a obras para o lucimento persoal do alcalde”.
Neste senso, dende o Grupo Municipal Popular de Monforte sinalan que o municipio ten necesidades moito máis urxentes sen solucionar, como a mellora das instalacións do centro de día, o aumento das prazas na gardería municipal ou a dotación de máis medios para o SAF, que na actualidade conta cunha ampla lista de agarda.
“José Tomé segue empeñado en levar a cabo proxectos que non son prioritarios, mentres esquece actuacións fundamentais para mellorar a calidade de vida dos monfortinos”, lamentou Varela.
Para os concelleiros populares “tanto un alcalde como un equipo de goberno responsables, nunca buscarían o seu lucimento persoal, senón que destinarían sempre os investimentos municipais a responder ás demandas reais da veciñanza e non converterse en escaparates de obras innecesarias”.