Anunciada a renovación de beirarrúas na rolda da República Arxentina de Lugo

«Esta intervención é necesaria para favorecer a accesibilidade das veciñas e veciños de Lugo, ao mesmo tempo que se melloran as instalacións e os servizos públicos», explicou Rubén Arroxo

O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron os traballos de ampliación da beirarrúa que a área de Mobilidade e Infraestruturas está a realizar na contorna da rolda da República Arxentina. Os traballos están a realizarse na unión de República Arxentina coa rúa Santiago, ampliando a actual beirarrúa para garantir un camiño peonil transitable.

Os traballos consisten na renovación da actual beirarrúa, que se atopa nun avanzado estado de desgaste, creando un novo camiño peonil accesible no paso de peóns que une a rúa Santiago coa rolda da República Arxentina. «Con esta intervención favorecemos a accesibilidade da veciñanza e melloramos as instalacións e os servizos públicos», explicou o Tenente Alcalde.

Rubén Arroxo afirmou que «na planificación da cidade sempre temos en conta cuestións importantes para toda a veciñanza de Lugo, entre estas cuestións destacan a accesibilidade e a perspectiva de xénero para facer de Lugo un lugar amable e accesible».

Comparte éste artículo
No hay comentarios