Néstor Rego valora positivamente que o helicóptero con base en Santiago volva estar operativo após nove días fóra de servizo, lembrando as iniciativas rexistradas polo BNG.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebra que o helicóptero de Salvamento Marítimo con base en Santiago de Compostela volva estar operativo após permanecer nove días paralizado pola falta das dúas grúas de rescate. O nacionalista lembra que o BNG rexistrara iniciativas para reclamar a inmediata reposición do servizo e congratúlase de que o executivo reaccionase, mais subliña que “queda moito por facer para garantir un servizo de rescate aéreo á altura do que a Galiza necesita”.
“A recuperación da operatividade é unha boa noticia, mais non abonda con apagar incendios cando se producen fallos. Cómpre unha planificación seria, máis medios materiais e máis persoal para garantir que estas situacións non se repitan” afirma Néstor Rego. Así mesmo, a organización nacionalista sinala a importancia de que o Goberno do Estado recupere a xestión pública directa do servizo.
O BNG alerta da falta de persoal e dos recortes no servizo
O Bloque Nacionalista Galego lembra que as denuncias dos traballadores e traballadoras levan tempo alertando dunha situación insostíbel: “cadros de persoal insuficientes, exceso de horas acumuladas e falta de formación axeitada en determinados modelos de aeronave” enumera Rego.
“O persoal de Salvamento Marítimo está sometido a unha enorme presión e a condicións laborais que non se corresponden coa responsabilidade do seu traballo. Non se pode garantir un servizo de calidade se non se garante tamén estabilidade, descanso e recursos suficientes” sinala Rego.
O deputado nacionalista reclama ao Goberno do Estado incrementar o cadro de persoal e mellorar os medios técnicos e de mantemento das aeronaves, garantindo así unha resposta rápida e eficaz nas operacións de rescate.
Rexeitar a privatización e recuperar a xestión pública directa
Rego critica que o servizo aéreo de Salvamento Marítimo siga xestionado pola multinacional Avincis, que obtivo un contrato de 270 millóns de euros para operar os medios aéreos —helicópteros e avións— do servizo en todo o Estado. Segundo sinala o deputado nacionalista “a privatización encuberta dun servizo esencial tradúcese en precarización laboral, recortes e perda de calidade”.
“A seguranza no mar non pode depender da rendibilidade dun fondo de investimento británico. É necesario recuperar a xestión pública directa de Salvamento Marítimo, garantir un servizo plenamente público, dotado e con control transparente” reclama o representante do BNG.