O Ineltrón Santo Domingo busca confirmar sensacións en Asturias

O Universidade de Oviedo ocupa a 4a praza empatado a vitorias cos betanceiros.

Logo de sumar a terceira vitoria en catro partidos disputados, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos viaxa a Asturias este domingo para medirse ao Universidade de Oviedo e confirmar a recuperación no seu xogo da última semana, onde os de José Amando “Soviético” e “Alberto Caamaño “Jimbo” sacaron adiante un serio partido contra os sempre difíciles Ucoga Seguros Chantada por 74-66. Os ovetenses, os rivais desta fin de semana, son un equipo formado maiormente por xente nova que logrou superar esa condición de equipo ascensor (ben como equipo universitario, ben como filial do Oviedo) e converterse nun clásico recente da categoría. Nesta, a súa terceira temporada consecutiva en Tercera FEB (antigua liga EBA) os universitarios seguen confiando na velocidade como unha das súas mellores armas, con exteriores como Diego Cuetos ou Alejandro Gómez Cabal, e un xogo interior cimentado no xogador de Mali Djiguy Diarra, un 2,07 que suma 13,8 puntos e 12,5 rebotes por partido.

Así valora a cita o adestrador betanceiro: “O partido do domingo preséntase moi difícil, o rival é un equipo cunha intensidade de xogo moi alta que domina moi ben o rebote malia non ser moi alto agás o xogador Diarra, que ademais é rápido e coordinado. Penso que o equipo que sexa capaz de controlar o ritmo do partido terá moitas opcións de gañalo. Á baixa de Marcos Rozas hai que unir agora a de Miguel Latas por unha fisura no cóbado. Outra baixa moi importante dun xogador interior que está a realizar unha brillante temporada no catro. O equipo viaxará con todo moi animado e con ganas de conseguir outra vitoria para estar nos postos altos da táboa”.

O partido, a celebrar o domingo ás 16h no Polideportivo Universitario de Mieres, poderá seguirse en vivo vía streaming.

Xornada reducida para a canteira

Polo que toca ao resto do club, a xornada desta fin de semana do 1-2 de novembro, co descanso dos equipos cadetes, do júnior e sénior feminino e dos mini, redúcese ás citas dos equipos sénior de Tercera Autonómica nun dobre duelo contra equipos carballeses (Artai e Xiria), o do júnior masculino contra Kempape e os dos equipos infantís contra Maristas e Cambre.

Comparte éste artículo
No hay comentarios