O CISPAC analiza desde unha perspectiva transdisciplinar as causas estruturais dos incendios en Galicia

O Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) reuniu a persoal investigador das tres universidades galegas na súa IV xornada anual, baixo o título “Investigando para un futuro sen lumes”. O encontro tivo por obxectivo repensar os incendios forestais como un síntoma dun modelo de desenvolvemento territorial e social en crise, non como feitos illados, ademais de explorar novas formas de coñecemento compartido que permitan imaxinar un futuro sostible para o rural galego.

As intervencións amosaron nos lumes o resultado de múltiples procesos interconectados: a ordenación do territorio, o abandono rural, a desagrarización, a perda de prácticas tradicionais e o impacto das políticas forestais e industriais. O debate destacou tamén a cegueira institucional fronte á complexidade do fenómeno, e a urxencia de establecer un diálogo común que permita elaborar unha diagnose compartida, actuando máis alá da extinción.

Desde ámbitos como a historia, a economía, a enxeñaría ou a botánica, subliñouse a necesidade de reconstruír o vínculo co territorio e co monte, de repensar os usos do solo e de incorporar ás comunidades locais nas decisións. Tamén foi subliñada a pouca memoria sobre os incendios: cada verán multiplícanse as imaxes da traxedia, pero o resto do ano desaparece o debate sobre a prevención, a xestión territorial ou o papel das comunidades locais. En definitiva, promover formas de cooperación que fagan posible unha nova maneira de habitar e gobernar o territorio, configurando espazos rurais menos vulnerables.

O encontro reafirma a vontade do CISPAC de poñer o coñecemento xerado na academia ao servizo da cidadanía e das administracións, favorecendo espazos de diálogo onde pensar colectivamente un futuro sen lumes e fortalecer o vínculo co territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios