O BNG demanda ao Goberno defender os intereses da frota galega ante a proposta de recorte de cotas da UE para 2026

Carme da Silva advirte que a Galiza “non pode seguir asumindo recortes que poñen en risco a viabilidade da súa frota”.

O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa senadora Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas para demandar ao Goberno español unha posición firme e en defensa dos intereses da frota galega frente á nova proposta da Comisión Europea sobre Totais Admisíbeis de Captura (TACs) e cotas pesqueiras para o ano 2026.

A senadora do BNG, Carme da Silva, advirte que a proposta comunitaria “supón un novo golpe para a frota galega, que leva anos soportando recortes e limitacións que poñen en risco a súa continuidade”. A representante nacionalista subliña que “a actividade pesqueira galega é fundamental tanto desde o punto de vista económico como social e precisa dunha defensa decidida por parte do Estado español nas negociacións coa Unión Europea”.

Segundo explica Carme da Silva, a proposta da Comisión Europea mantén a conxelación da cota de pescada en augas ibéricas e prevé un recorte de 26% na cota de abadexo e de 28% na de linguado, dúas especies de gran relevancia para as frotas galegas, ademais dunha redución de 5% na cota de xurelo entre Fisterra e o Golfo de Cádiz. “Estas medidas son claramente prexudiciais para a frota galega e carecen de xustificación suficiente desde o punto de vista científico e socioeconómico” sinala a senadora.

O BNG, ante esta proposta, reclama que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación defina unha posición clara e activa nas negociacións co obxectivo de evitar novos recortes e garantir a viabilidade da frota galega.

“Debe defender a revisión das propostas de redución de cotas e aporte informes científicos e socioeconómicos actualizados que avalíen o impacto real das medidas na frota galega e negocie un incremento das cotas para as especies máis afectadas e adopte medidas de compensación para as frotas que sufran reducións significativas” demanda a senadora nacionalista.

Por outra parte, Carme da Silva insta o Ministerio a estabelecer un diálogo permanente co sector pesqueiro galego, incorporando as súas achegas ás posicións que se defendan ante as institucións comunitarias. “Impulsar unha revisión da Política Pesqueira Común, para adaptala á realidade da pesca galega e garantir o futuro das comunidades mariñeiras” engade.

Carme da Silva destaca que “a frota galega precisa certezas e apoio institucional para garantir o seu futuro” e reclamou que o Goberno español “actúe con determinación e poña os intereses da pesca galega no centro das negociacións europeas”.

A senadora conclúe afirmando que “a Galiza non pode seguir asumindo recortes que ameazan a viabilidade do sector, é preciso un cambio de rumbo que priorice a sustentabilidade económica, social e ambiental das nosas frotas”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios