O COAG Ferrol organiza a inauguración dunha exposición na que se reúnen os carteis que o arquitecto Felipe Peña deseñou para as actividades culturais dos inicios da Escola de Arquitectura da Coruña

A mostra, comisariada por Luis Walter Muñoz, reúne 70 carteis en formato orixinal, deseños “de urxencia, funcionais e propagandísticos nos que se mesturaban a letra debuxada e a letra mecanografiada, debuxos e fotografías.

A Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a Unidade de investigación pARQc –Paisaxe, Arquitectura e Cidade– da Universidade da Coruña e a Editorial Labirinto de Paixóns promoven a exposición “Os carteis de Felipe Peña. Actividades culturais a través da súa propaganda”. A mostra inaugurarase o vindeiro xoves, 6 de novembro, ás 19:00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester, en colaboración co Concello de Ferrol e LANA S. Coop.

Coincidindo coas celebracións do 50 aniversario da Escola de Arquitectura da Coruña (ETSAC), publicouse un libro sobre os carteis que anunciaban as actividades culturais desde a inauguración do edificio da Escola no curso 1980/1981. O libro, editado por Luis Walter Muñoz Fontenla, leva por título Actividades culturales a través de su propaganda. Los carteles de Felipe Peña (Labirinto de paixóns, 2023).

Unha selección dese material, formada por setenta carteis en formato orixinal, exporanse nesta mostra comisariada por Luis Walter Muñoz Fontenla, e deseñada, construída e montada por Luis Muñoz e Benito Freire.

A montaxe expositiva pretende achegar este traballo, no que se exhibe unha parte importante da historia da ETSAC á cidadanía. Trátase dunha exposición creada coa vocación de itinerancia polas principais cidades galegas, que se poderá visitar en Ferrol ata o 30 de novembro.

A actividade cultural nos comezos da ETSAC era moi intensa. O profesor Luis WalterMuñoz explica que, a pesar dun calendario repleto de docencia, sacábase tempo para programar actividades complementarias ás clases que normalmente se celebraban os venres. “A asistencia a estes eventos, que era masiva, supoñía unha excelente formación en paralelo. Os profesores invitados eran auténticas figuras da arquitectura e do mundo da cultura en xeral” –destaca–.

Comparte éste artículo
No hay comentarios